Correos responde a CC.OO. afirmando que mantén os compromisos adquiridos en materia de estabilización de emprego
Por Redacción
Desde Correos emitiron un comunicado de resposta á ameaza de inicio de protestas por parte do sindicato Comisións Obreiras, maioritario na empresa pública. Segundo indican desde a Dirección de Comunicación e Marketing da entidade, mantense o seu compromiso "firme e inequívoco" co emprego estable e de calidade.
Segundo sinalan o acordo plurianual 2018-2020 asinado en decembro de 2018 coas organizacións sindicais incluíu a consolidación e reposición de 11.200 postos de traballo, ademais de aprobar unha subida salarial para todo o persoal dun 9%, con melloras nas condicións laborais.
O 1 de marzo de 2019 incorporáronse 2.395 persoas para reforzar o persoal no territorio estatal e en xaneiro celebráronse exames para cubrir 4.005 prazas para a que se inscribiron 166.348 participantes.
En Galicia apuntáronse 9.756 persoas para 169 prazas, tanto para repartición a pé e motorizado como para os centros loxísticos e postos de atención ao cliente en oficinas. Estas incorporacións van levarse a cabo o 1 de xuño deste ano.
Ademais, desde Correos indican que está publicada unha nova convocatoria para 3.421 postos de traballo fixos. Esta situación prodúcese, segundo a empresa, a pesar da caída do negocio postal en xaneiro de 2020 do 21,79% na carta ordinaria, un 17% máis da baixada experimentada en xaneiro de 2019.