A xustiza non ve delito nos 'obstáculos' de ENCE á marcha convocada por APDR
Por Redacción
ENCE actuou de maneira "desafortunada" e mesmo "reprochable" ao activar a megafonía para dificultar a marcha anual organizada por APDR, pero en ningún caso esta conduta ten consecuencias legais. Así o determinou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
O auto do alto tribunal galego, que desvelou Praza Pública, conclúe que a pesar da denuncia dos organizadores da marcha o feito de facer soar de maneira reiterada o himno galego para impedir a lectura dun manifesto ante a fábrica non incumpriu a lei.
APDR acusaba a ENCE de impedir o "lexítimo exercicio" da liberdade de reunión e manifestación, perturbando "gravemente" o desenvolvemento da marcha para reclamar o peche do complexo industrial de Lourizán.
O TSXG, con todo, entende que o dereito de reunión non foi violado porque a manifestación puido celebrarse, a pesar dos problemas para completala nos termos previstos, xa que non existiron "danos persoais nin materiais" e non se impediu ler o manifesto nun punto "máis afastado" da fábrica pasteira.
Activar a megafonía, engade o auto do tribunal, "non é un acto de intensidade tal como para que integre o concepto de ameaza, coacción ou acto de violencia", polo que non constitúe infracción penal algunha.
Ademais, o TSXG explica que "é preciso" ter en conta que son os denunciantes os que acudiron ás instalacións de ENCE para concentrarse e "non consta" que fosen desaloxados nin que ninguén da empresa impedise que continuasen coa súa manifestación.