Galegas 8M amosa o seu malestar con PSOE e PP por poñer "atrancos" ás manifestacións feministas de Pontevedra e Marín
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido
"Sen coidados non hai vida" é o lema escollido pola plataforma de colectivos e muller feministas Galegas 8M para as reivindicacións que se van desenvolver durante o vindeiro domingo 8 de marzo. Con esta consigna queren destacar a importancia social dos traballos no coidado de menores, persoas maiores ou con discapacidade, que estatísticamente recaen, sobre todo, en mulleres.
Este luns, Lupe Solla, Cecilia Tarela, Diana Rodríguez e Celia Balboa, representantes de Galegas 8M, presentaban as actividades previstas para Pontevedra e Marín con motivo desta xornada. Desta forma, está prevista unha Marcha feminista desde Vilaboa, que se iniciará ás 15.00 horas do domingo e que rematará ao redor das 16.30 horas na praza do Hospital de Pontevedra. Unha hora máis tarde, ás 17.30 horas, comezará a manifestación reivindicativa que percorrerá o centro da cidade ata chegar á praza da Ferrería.
En Marín, a manifestación terá lugar o venres 6 ás 20.30 horas. Partirá da Praza 8-M, na contorna da rúa Concepción Arenal, e continuará ata a Alameda. Celia Balboa explicaba que a celebración se desprazou ao venres pola "desagradable sorpresa" que se levaron ao comprobar que o Concello de Marín, gobernado polo Partido Popular, organizara unha andaina e un evento gastronómico durante esa xornada.
"O 8M ten un significado que non é festivo", apuntan desde a plataforma. Diana Rodríguez lamenta que en Pontevedra, a organización tamén se atopara cunha actividade que conta coa colaboración da concellería de Deportes e organizada por unha empresa privada, a carreira do Tour Universo Mujer, que obrigou a trasladar a manifestación reivindicativa á tarde do domingo. "O PSOE non quere saber nada de Galegas 8M", apunta Cecilia Tarela, "queren facer un día festivo pero non reivindicativo". Sinalan que este tipo de actividades que son positivas para o dinamismo económico hai outras datas ao longo do ano.
Indican tamén que cando solicitaron á concellería de Igualdade axuda para un autobús que trasladara os colectivos á manifestación feminista de Verín, a responsable do departamento, Paloma Castro, preguntou quen ía ler o comunicado e que se dicía neste documento. "Non é normal", indican desde Galegas 8M, que entenden que, detrás destas actitudes, o PSOE amosa que non lle gusta a crítica do movemento feminista cando afirma que o Goberno de Pedro Sánches "non está facendo nada" neste eido.
Neste sentido sinalan, que tampouco a Subdelegación do Goberno lles comunicou a autorización da marcha prevista para o domingo 8 de marzo. Desde Galegas 8M agardan que, malia todos estes problemas, o movemento feminista galego apoie os actos que se organizarán en Marín e en Pontevedra.
RESPOSTA DA CONCELLEIRA DE IGUALDADE
A preguntas dos medios de comunicación, Paloma Castro respondeu este luns que é coñecedora do malestar dos colectivos feministas e que entende a súa postura e "respeteina desde o primeiro momento", pero quixo desmarcarse de toda responsabilidade neste tema, pois desde a concellería de Igualdade non se organizou acto algún para o día 8 de marzo, senón na xornada anterior e na posterior.
Segundo indicou, a carreira Tour Universo Mujer organizouse desde a concellería de Deportes, que dirixe o tamén socialista Tino Fernández. "Eu non intervín para nada", concluíu.
Relacionadas:
-
O feminismo pontevedrés mostra unha vez máis a súa forza na manifestación do 8M
Por Redacción |
-
Tino Fernández cualifica de "pataleta absolutamente inxustificada" as críticas do colectivo feminista á carreira do 8M
Por Oskar Viéitez |
-
Pontevedra dá o pistoletazo ao 8-M co despregamento dunha pancarta reivindicativa
Por Redacción & Boris Rodríguez Pintos |
-
As deportistas Teresa Portela e Sara Hurtado, principais referencias do 'Tour Universo Mujer' de Pontevedra
Por Redacción |
-
A celebración en Marín do 8M dedicado ás coidadoras buscará a unidade social
Por Redacción |