O duro inverno dos albergues de peregrinos
Por Manu Otero & Cristina Saiz
Frío e choiva. Son as condicións climáticas que teñen que afrontar durante boa parte do seu traxecto aqueles peregrinos que se atreven a completar o Camiño de Santiago durante o inverno. Con este panorama, o número de aventureiros que cobren o roteiro portugués a pé cara a Compostela redúcese de forma drástica e os albergues, que nos últimos anos multiplicáronse en Pontevedra, son os principais afectados. "O número de peregrinos redúcese e os gastos, como o de calefacción, aumentan", explica o propietario de Slow City Hostel, na rúa Amargura, Jorge de Uña.
Esta situación que contrasta coa calor, días asollados e beleza da paisaxe de estacións máis amables e que convidan a botarse a andar. "Os meses de inverno non son rendibles, cóbrense co verán", recoñece o presidente da asociación Amigos do Camiño Portugués, Tino Lores, que xestiona o Albergue de Peregrinos da cidade do Lérez. "Os nosos traballadores son voluntarios e non cobran, se o fixesen, non daría", admite.
A falta de ingresos fai que algúns dos establecementos privados da cidade pechen durante o inverno. É o caso do Albergue Aloxa, situado na rúa Gorgullón, a entrada á cidade dos peregrinos que completan o Camiño Portugués. Este ano só estará activo entre abril e outubro, aínda que en tempada baixa abre as súas portas previa reserva de grupos de polo menos vinte persoas. "A tempada empeza a partir de Semana Santa", xustifica Lores.
Na mesma situación atópase o Nacama Hostel, último albergue en iniciar a súa actividade en Pontevedra. "Abrimos en setembro, pero tivemos que pechar desde decembro a febreiro porque é inviable", recoñece o emprendedor Francisco Vidal, cuxa empresa volverá abrir as súas portas este mes. "Esperemos que empece a verse algo máis de actividade", espera o propietario.
Pero outros emprendedores néganse a pechar as súas portas e tratan de buscarlle o lado positivo á baixa invernal. "O servizo é máis cómodo, o check-out é máis relaxado e o noso aceno de identidade é un servizo cálido e próximo", detalla Candela Garrido, propietaria do albergue Acolá da rúa Arcebispo Malvar, que é incapaz de esquecer a cara de agradecemento dos seus clientes cando chegan mollados e están aos esperar cunha bebida quente e roupa seca.
A pesar de que o volume de peregrinos cae, segue sendo habitual ver cruzar a cidade a diario a varios camiñantes cargados cos seus bastóns e enormes mochilas. "Este inverno estamos a ter xente de Taiwan e Corea", recoñece de Uña. Entre os usuarios españois, os traballadores do sector da hostalería coa mayoria "porque no inverno é cando teñen vacacións", engade o anfitrión.
Amplía o abanico Tino Lores, que nestas datas no Albergue adoitan atender a "xente nova ou estudantes de Erasmus, de feito na Universidade de Braga organizan cada ano unha actividade que consiste en realizar o Camiño".
Os peregrinos son os principais usuarios dos albergues, pero non son os únicos. "En tempada baixa, axuda moito que se organicen competicións deportivas", recoñece o dono do Slow City.
Con todo, todos os propietarios de albergues en Pontevedra coinciden ao sinalar que no inverno o seu negocio non é rendible. "Hai que contar cos aforros dos meses bos, o balance facémolo a final de ano, pero ao ser un negocio familiar e pequeno podemos subsistir", confesa Garrido.
E por se manter os albergues non fose unha tarefa complicada, teñen que lidar coa competencia doutro tipo de establecementos. "Os apartamentos turísticos aféctannos, a oferta está crecienco e deberiamos estar nas mesmas condicións", demandan desde o albergue Acolá. "Abrimos hai cinco anos e só había 17 establecementos dese tipo, agora hai máis de cen", protestan no Slow City.
Unha tese que rebaten os xestores de Casa Á Beira, un edificio de apartamentos da rúa Gorgullón. "A nosa actividade non vai dirixida a peregrinos porque a estancia mínima é de dúas noites", puntualizan argumentando que, por norma xeral, as persoas que completan o Camiño non adoitan pasar máis dun día na cidade.
Con todas as dificultades que entraña o sector, o número de albergues en Pontevedra e a súa comarca non deixa de crecer e desde a Asciación Amigos do Camiño Portugués aplauden que a peregrinación a Compostela xere riqueza na cidade. "É bo que o se abran albergues privados e que o Camiño sexa bo para a economía da cidade", conclúe Tino Lores que espera que o número de peregrinos que crucen a ponte do Burgo no 2020 supere a barreira dos 100.000.
Aínda que unha nova ameaza se cerne sobre o sector: o coronavirus. "Temos medo como todo o mundo, oxalá se recuelva todo antes do verán", espera Tino Lores.
Relacionadas:
-
"Os valores do Camiño Xacobeo reforzáronse, facelo vai ser moi terapéutico"
Por Marisa Ciordia |
-
O Camiño dá por perdida a campaña de Semana Santa, pero as reservas do verán mantéñense
Por Manu Otero |
-
Pontevedra terá un papel "protagonista" no Xacobeo 2021, avanza Román Rodríguez
Por Alejandro Espiño |
-
Nava Castro reúnese en Pontevedra co sector turístico para tratar un proxecto pioneiro en Galicia
Por Sara Iglesias & Boris Rodríguez Pintos |
-
Unha de cada tres prazas hoteleiras en Pontevedra son xa vivendas turísticas
Por Alejandro Espiño |
-
O incremento de peregrinos fai crecer a oferta hostaleira de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |