Convocado o XVI Premio de Narración Curta do Concello de Marín
Por Redacción
O Día das Letras Galegas homenaxea cada ano a autores e autoras que, en lingua galega, conseguiron crear traxectorias literarias imprescindibles. Con este motivo, no Concello de Marín continúase un ano máis este certame literario que intercala poesía e narrativa.
Esta edición é a quenda da narración curta, como se anunciou a mañá do 4 de marzo na presentación pública deste XVI Premio de Narración Curta do Concello de Marín, co que "buscamos dar un pulo á creatividade e á comprensión escrita", como describiu a concelleira de Cultura, Beartiz Rodríguez.
O certame terá dúas modalidades, unha para os escolares de Primaria e de 1º e 2º da ESO dos centros educativos de Marín, e outra para adultos de calquera localidade. O plazo de presentación de textos rematará, para ambas, o 20 de abril ás 14:00 horas.
Na modalidade para escolares os traballos que se presenten deben ser inéditos, de temática libre e realizados en lingua galega, contando ademais cunha extensión máxima de tres páxinas. Cada centro educativo poderá presentar, como máximo, tres traballos por cada unha das 4 categorías nas que se dividen os cursos académicos.
O xurado estará constituído por un docente de Lingua e Literatura Galega de cada centro escolar que presente traballos, pola directora da Biblioteca Municipal Vidal Pazos e por un secretario ou funcionario. O resultado da deliberación publicarase o día seguinte á avaliación e os premiados estarán convocados para recoller os galardóns o propio Día das Letras Galegas, 17 de maio, ás 12:00 horas.
Na modalidade de adultos as bases cambian no relativo á extensión dos traballos, que se acóta entre cinco e dez páxinas, ademais de requerir catro copias do relato e un pen drive co arquivo dixital. A participación será anónima, polo que o relato irá acompañado dunha plica coa identificación do autor. Neste caso, concederase un premio de 1.000 euros que se notificará por privado ao gañador, ademais de publicar o fallo do xurado nos medios de comunicación.