Xulgan un pontevedrés por ameazar cun coitelo á súa parella
Por Natalia Puga
O Xulgado do Penal número 4 de Pontevedra deixou visto para sentenza este luns un xuízo contra un pontevedrés para o que o fiscal pide un ano de prisión como autor dun delito continuado de ameazas por presuntamente ameazar cun coitelo á que era a súa parella en polo menos dúas ocasións.
O xuízo celebrouse este luns nos xulgados da Parda e nel a presunta vítima reiterouse nos feitos xa denunciados no seu día, que se produciron en xaneiro e febreiro do ano 2018. En concreto, chegaron a xuízo dous episodios, un ocorrido mentres o acusado e a vítima paseaban a beiras do río Lérez e outro nun domicilio de Pontevedra.
O acusado, pola súa banda, negou os feitos e tamén prestou declaración no o xuízo a nai da vítima, que, curiosamente, sinalou que non dá credibilidade ao relato da súa filla, segundo confirmaron fontes xudiciais.
Tras a celebración do xuízo, o fiscal mantivo a súa acusación inicial e pediu á maxistrada que condene ao acusado a un ano de prisión, tres anos de prohibición de posesión de armas e dous anos de prohibición de aproximación e comunicación coa súa vítima.