Absolven por falta de probas un home acusado de abusar da afillada da súa muller
Por Natalia Puga
A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra absolveu un home acusado dun delito continuado de abuso sexual sobre unha menor de 10 anos por someter a tocamentos á afillada da súa esposa.
O caso xulgouse na Audiencia o pasado mes de decembro e o tribunal provincial decidiu absolver baseándose en que a única proba de cargo na súa contra era a declaración da menor e, segundo a súa valoración, carece de "datos de carácter obxectivo que poidan corroborar os feitos narrados".
A sentenza recolle que o tribunal conclúe que a proba practicada "non é bastante para enervar a presunción de inocencia do acusado".
Durante a vista oral, o home, marido da madriña da menor, habíase delarado inocente das acusacións da Fiscalía, que sostiña que o home aproveitaba o momento de deitar á nena, cando quedaba na súa casa, para tombarse xunto a ela e efectuarlle tocamentos por encima da roupa e que, polo menos nunha ocasión, colleu a man da menor ata o seu pene utilizándoa para masturbarse.
O home indicou que a relación coa nena era "normal" durante o tempo en que a menor acudía á súa vivenda e que descoñecía a que se debían as acusacións. Ao final da vista defendeuse dicindo ante a xuíza: "non fixen nada. Esa nena está a facer unha película".
A Fiscalía pedía para el unha pena de catro anos e tres meses de prisión, así como a prohibición de aproximarse a menos de 200 metros da menor e comunicarse con ela por un período de seis anos, baseándose fundamentalmente no testemuño da menor e no informe pericial das especialistas do Instituto de Medicina Legal de Galicia que manteñen que o relato dos feitos é "consistente e inalterable".
A menor, que na actualidade ten 15 anos, quedou a cargo dos seus avós maternos tras o falecemento da súa nai cando ela tiña catro anos e, aos cinco, en xuño de 2010, pasou ao coidado dos seus avós paternos no domicilio destes. Desde o comezo desta convivencia cos seus avós paternos, durante as fins de semana e os períodos vacacionais, a menor adoitaba acudir a casa da súa madriña, curmá do seu pai e casada co acusado.
Esta causa chegou a xuízo porque cando a menor tiña dez anos relatou á súa avoa paterna o seu malestar co acusado por recibir tocamentos do mesmo.