ENCE defende a súa actividade industrial na garantía da subministración de celulosa e enerxía eléctrica neste momento de crise
Por Redacción
A dirección de Ence-Enerxía e Celulosa emitiu un comunicado xustificando a actividade que mantén durante este período de coarentena establecido con motivo da expansión do coronavirus na necesidade de asegurar a subministración de enerxía eléctrica renovable e de celulosa, material que se emprega para fabricar papel hixiénico, papel tisú e outros produtos de primeira necesidade nestes momentos de pandemia, segundo sinalan desde a empresa.
Segundo manifestan adoptaron unha estrita e temperá posta en marcha do protocolo interno de prevención dentro da compañía para facer fronte ao COVID-19 de forma que as plantas de enerxía renovable e de celulosa en Lourizán se manteñen activas.
Sinalan que a seguridade das persoas é a prioridade máxima para a empresa e por este motivo anticiparon as medidas de prevención e contención fronte ao coronavirus na fábrica. Extremáronse as medidas de prevención en todos os centros operativos e na cadea de subministración. En canto ás persoas que poden realizar tele traballo están activas nos seus domicilios mentres que na fábrica establecéronse protocolos de prevención en todos os postos de traballo.
Ademais destas medidas que, indican, acordáronse cos representantes dos traballadores e comunicadas á administración, Ence está a traballar para contribuír ao mantemento da actividade económica e para protexer e asegurar o emprego, afirma a dirección.
Conclúen apuntando que seguramente será unha crise longa e resultará imposible superala se se paraliza a produción dos bens e servizos que precisa a cidadanía. Por este motivo, Ence sinala que focalizan os seus esforzos en garantir a seguridade das persoas e tamén se mantén o emprego e a actividade económica para dar a mellor resposta a esta situación proporcionando produtos básicos.
Este comunicado da empresa pasteira emítese despois das críticas efectuadas pola Asociación pola Defensa da Ría (APDR) porque a fábrica de Lourizán se mantivera operativa durante este período de corentena.
Relacionadas:
-
A APDR pregunta pola legalidade das obras que está a realizar Ence preto da estrada a Marín
Por Redacción |
-
Os traballadores de Ence defenden que traballan de forma segura e que a súa actividade é necesaria para combater o Covid-19
Por Redacción |
-
A APDR critica a "insolidariedade" de ENCE por non pechar a producción
Por Oskar Viéitez |
-
Ence mantén a actividade produtiva e Tréves parará este mércores coincidindo coa fábrica viguesa de PSA
Por Redacción |