Pontevedra crea un grupo de voluntarios que queiran axudar a colectivos vulnerables
Por Redacción
A situación de emerxencia sanitaria está sacando o mellor da xente, que non dubida en colaborar con todo aquel que o precisa nestes momentos. A partir de agora, en Pontevedra, todo este caudal de solidariedade será organizado por Protección Civil.
O Concello vén de habilitar unha bolsa de voluntariado para atender as necesidades básicas de colectivos vulnerables durante a crise sanitaria. Así, todas as persoas que desexen participar nesta iniciativa deben inscribirse chamando ao número 986 87 11 88 entre as 10.00 e as 20.00 horas, para posteriormente ser chamadas en caso de que sexa necesario.
As persoas que precisen asistencia (ben porque sexan maiores, pertenzan a grupos de risco ou outras circunstancias) deben canalizar as súas demandas a través dos teléfonos do servizo de Benestar Social (986 85 03 98 e 986 84 83 34) en horario de 8.00 a 20.00 horas.
Protección Civil encargarase da recollida dos pedidos e do seu almacenamento provisional. Para proceder ao reparto, porase en contacto coas persoas voluntarias para realizar as entregas, que se realizarán sen entrar en contacto directo coas persoas que permanecen nos seus domicilios.
Nas entregas que se realicen en domicilios do rural tamén participarán persoas voluntarias de cada lugar que, en vehículo, guiarán ao persoal repartidor cara os domicilios demandantes da axuda.
Ademais da entrega de produtos básicos en domicilios, as persoas que formen parte desta bolsa específica de voluntariado tamén poden ser requiridas para realizar tarefas de reparto aos usuarios do Banco de Alimentos, no servizo de comedor no albergue Raíña da Paz ou outras que vaian xurdindo en función das necesidades.
A todas as persoas voluntarias se lles explicará pormenorizadamente cales son as medidas de prevención, seguridade e hixiene que deben adoptar en cada unha das tarefas que realicen.
Relacionadas:
-
Meniños e Secretariado Xitano colaboran co Concello para asegurar o acceso á educación das familias máis vulnerables
Por Redacción |
-
San Francisco, o comedor máis solidario... mesmo en tempos do coronavirus
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |
-
Un positivo por coronavirus no albergue de Salcedo obriga a unha desinfección urxente da Brilat
Por Natalia Puga & Diego Torrado | Creada e actualizada
-
Intensifican a desinfección nas residencias de maiores
Por Oskar Viéitez |
-
A falta de material de protección, "principal problema" de Pontevedra ante o coronavirus
Por Alejandro Espiño |
-
A comunidade chinesa de Pontevedra doa 2.000 máscaras e material de protección á cidade
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra aproba unha moratoria fiscal e axilizará o pagamento a provedores
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra manterá as súas obras para "non paralizar" a economía municipal
Por Redacción |
-
Cáritas e o Concello habilitan dous albergues para que as persoas sen fogar pasen a corentena
Por Redacción |