A Universidade de Vigo intentará que o curso académico remate en prazo
Por Oskar Viéitez
O Consello de Goberno da Universidade de Vigo celebrou este martes a primeira sesión virtual na súa historia. O reitor, Manuel Reigosa, avanzou que a institución académica intentará que o curso remate en prazo.
Algo máis de tres horas e media durou unha sesión, na que, aínda que se deron luz verde a cuestións como o límite de prazas nas titulacións do vindeiro curso ou ás axudas de investigación, a situación de excepcionalidade que se está vivir por mor do coronavirus marcou o desenvolvemento da sesión, desde o principio ao fin.
Así, o reitor, mesmo antes de dar conta do seu informe, dirixiuse aos asistentes para avanzar que o equipo de goberno non vai promover expedientes de regulación de emprego , "aínda que pode ser posible que nalgún momento sexa recomendable facer algún suspensión de contrato, pero este equipo non o vai promover. Polas nosas contas saneadas podemos permitirnos algún esforzo para que as persoas sufran o menos posible", dixo o reitor, que mesmo apuntou que están a negociar coas empresas coas que traballa a institución para que non fagan ERTES e poidan seguir a prestar servizos mínimos.
"Nós imos intentar, se é posible, que o curso académico remate en prazo", asegurou Reigosa, mais coa incerteza de non saber que vai ocorrer en próximas semanas, o reitor explicou que o equipo de goberno contempla varios escenarios.
"Sendo realistas cabe pensar que a volta ás aulas será o derradeiro nivel dentro da crise (haberá outros sectores que volvan antes). Entón nós traballamos con dous escenarios, un, que isto se prolongue durante un tempo e que se poida, sen facer modificacións de calendarios facer tanto a docencia como a avaliación, e outro pensando en que haxa que prolongar o curso académico", explicou Reigosa.
O reitor sinalou que calquera decisión que se tome será de acordo coas direccións dos centros porque, "na reprogramación do curso temos que ir todos a unha, os cambios na docencia teñen que facerse a través das direccións dos centros e así o imos facer. Xa están creadas todas as aulas virtuais que nos pediron os equipos decanais, segue o curso intensivo de FaiTIC, que é a ferramenta que utilizan moitas persoas, e as curvas que amosan o seu uso, confirman que o persoal docente e investigar está a facer o traballo que se lle pediu e tamén se está a facer docencia virtual a través de Campus Remoto", detallou o reitor.
Tras apelar á flexibilidade para afrontar esta crise, Reigosa confirmou en relación coas aulas virtuais en directo que desde agora e ata Semana Santa se realizarán probas de carga e se analizará ata que punto cómpre reforzar os sistemas técnicos.