Un incendio de madrugada calcina unha nave con 17.000 pitos en Meis
Por Redacción
Un incendio declarado de madrugada calcinou por completo a primeira planta e o tellado dunha nave dedicada á explotación de pitos en Meis e provocou a morte de todos os pitos que estaban no seu interior, uns 17.000 animais.
Segundo a información facilitada polo Centro de Atención de Emerxencias de Galicia 112, o incidente tivo lugar ás 4:30 horas no lugar Cabeza de Boi, na parroquia de Armenteira. A esa hora, o 112 Galicia recibía a chamada dos axentes da Garda Civil que alertaban dun lume nunha granxa de explotación.
Desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) pasouse aviso aos Bombeiros do Salnés, aos voluntarios de Protección Civil da localidade e ao persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, por se fose precisa a súa intervención nalgún momento.
Os membros do Servizo de Prevención Extinción de Incendios e Salvamento trataron de atallar as lapas e controlaron o foco de incendio. A pesar de que ningunha persoa sufriu danos a raíz do ocorrido, os 17.000 pitos que habitaban a granxa perderon a vida.
Tras finalizar a intervención, os bombeiros confirmaron que o lume calcinou por completo o primeiro andar e afectou tamén o tellado da edificación.