Un incendio de madrugada en colchóns usados por indixentes causa danos nunha pasarela peonil do Gafos
Por Diego Torrado & Natalia Puga
Os Bombeiros de Pontevedra tiveron que acudir de madrugada a sufocar un incendio que se declarou na pasarela peonil que une o parque dos Gafos coa avenida Josefina Arruti e que acabo causando danos importantes na estrutura.
O incendio comezou sobre as 4.50 horas da madrugada xusto debaixo da ponte da avenida da Estación, nun punto da pasarela peonil no que había depositados colchóns, somieres e outro tipo de aveños utilizados por indixentes para pasar alí a noite.
Á chegada dos bombeiros, non había no lugar ningunha persoa, pero o lume presumiblemente tivo a súa orixe neses aveños acumulados que estaban a utilizar persoas sen fogar que, a pesar das restricións do estado de alarma, seguen pasando a noite neste punto.
Como consecuencia do lume, víronse afectados todos eses aveños acumulados e tamén a propia pasarela.
As tarefas de extinción prolongáronse durante uns 40 minutos, de modo que a situación non quedou controlada ata as 5.30 horas da madrugada.