O persoal de loita contra os incendios desinfecta 160 centros de saúde e residencias en tres semanas
Por Redacción
Os profesionais do servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais (SPDCIF) de Galicia realizaron nas tres últimas semanas 160 desinfeccións en centros de saúde e residencias de maiores e discapacitados nas comarcas do Salnés, Pontevedra, Morrazo, Deza, Baixo Miño e Condado-Paradanta.
En total, no ámbito provincial, os axentes e bombeiros forestais realizaron 160 actuacións en 25 concellos. As comarcas de Pontevedra, Caldas e O Salnés son as que maior número de actuacións contabilizaron, con 70 en total, distribuídas en 10 centros de saúde e 1 centro educativo.
Segundo deu a coñecer o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, estas intervencións leváronse a cabo nos exteriores das residencias de maiores, para persoas con discapacidade e centros de saúde, ademais, de desinfectarse tamén outras áreas do rural especialmente concorridas, como beirarrúas ou zonas establecidas para a recollida do lixo.
Estes traballadores dependentes da Xunta de Galicia están a realizar tarefas de colaboración de maneira preventiva no marco da situación de emerxencia declarada por mor do coronavirus. Trátase de funcións adicionais que non impiden que desenvolvan a súa función principal e primordial, que é a de prevención e extinción dos incendios forestais que se poidan rexistrar ao longo do día en todo o territorio galego.
Para realizar estes traballos adecuadamente, a Xunta asegura que os efectivos contan coa debida formación e con todo o material de protección e desinfección necesario, así como cos protocolos de actuación pertinentes, seguindo en todo momento as recomendacións sanitarias.