Pedro Sánchez prevé unha desescalada "progresiva e cautelosa" en dúas semanas "como pronto"
![Alejandro](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/dee/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/5624216432-20150128-patxot-alex-espino-002.jpg)
Por Alejandro Espiño
España segue en "confinamento xeral". Así o apuntou este domingo o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, que quixo deixar claro que o estado de alarma "mantense" e que, ante o coronavirus, "non hai que baixar a garda".
Por agora só terminou, segundo Sánchez, a "medida extrema" adoptada esta semana Santa para a "hibernación" de todas as actividades non esenciais. O que os técnicos chaman "desescalada", é dicir, o regreso á normalidade, aínda tardará en chegar.
Tras a reunión que, a través de videoconferencia mantivo cos presidentes autonómicos, o presidente do Goberno explicou que, se os datos así o avalan, a saída do estado de alarma será "de forma progresiva e cautelosa".
"Non estamos sequera entrando nesta fase", engadiu Pedro Sánchez. Esta medida, en todo caso, producirase "como pronto" dentro de dúas semanas. Manteranse todas as restricións, por tanto, ata o próximo 26 de abril.
Ademais, o Goberno non descarta que chegado ese día poidan manterse ou reforzarse o confinamento porque "o importante é a saúde", reiterou o dirixente socialista.
As cifras da pandemia en España, dixo Sánchez, comezaron a reducirse, aínda que sigan sendo "extraordinariamente altas", o que permitindo "aliviar" o sistema sanitario. Por iso, desde o Executivo central pediron un novo esforzo á poboación para manter o confinamento e seguir "gañando terreo" ao virus.