Os positivos por coronavirus repuntan e pasan a barreira dos 500, pero estabilízanse as hospitalizacións

Por Natalia Puga
A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés contabiliza este luns 13 un total de 19 casos activos de coronavirus máis que o domingo, un crecemento que supuxo que, por primeira vez desde inicio da pandemia, se exceda a barreira do medio milleiro de pacientes positivos.
En concreto, hai 501 casos activos fronte ao 482 día anterior. Dado que nese mesmo período producíronse dúas altas, en realidade, o número de positivos detectados nun día foi 21.
A pesar deste repunte, estabilizouse o número de pacientes hospitalizados e mesmo hai un menos que o día anterior. Este luns son un total de 60 nos hospitais da área sanitaria, dos que 15 son pacientes que evolucionan en UCI e 45 está ingresados en planta. Deles, 5 están no Hospital do Salnés e un no Hospital QuirònSalud Miguel Domínguez de Pontevedra.
Os 501 casos activos complétanse con 441 pacientes con positivo en Covid-19 que están illados no seu domicilio.
Desde o inicio do plan de continxencia do Covid-19 faleceron na área sanitaria 12 pacientes e prescribíronse 114 altas hospitalarias -cifra que representa un incremento de 2 altas tramitadas con respecto ao domingo.
En Galicia, segundo o último balance da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, o número de casos activos ascende a 5.939. Deles, 1.252 son da área da Coruña, 591 da de Lugo, 1.166 da de Ourense, 501 da de Pontevedra, 1.090 da área de Vigo, 1.001 da de Santiago, e 338 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 136 permanecen en UCI, 735 están en unidades de hospitalización e 5.068 no domicilio. Por agora, en Galicia rexistráronse 1.186 altas de pacientes e 369 falecementos.
O número de casos de coronavirus detectados en centros residenciais de servizos sociais de Galicia supoñen o 3,7% do total das persoas residentes. En total, hai 923 usuarios e 416 traballadores destes centros con coronavirus. Do total de fallecimietos da comunidade, 82 eran persoas que estaban en residencias e 76 estaban en hospitais e residencias integradas.
A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.
O Sergas ten ao dispor da cidadanía unha páxina web (https://coronavirus.sergas.es), na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.
Relacionadas:
-
Menos hospitalizados, un paciente menos na UCI e só un caso activo máis de coronavirus na área sanitaria
Por Diego Espiño |
-
Só tres casos activos máis de coronavirus na área sanitaria nas últimas 24 horas
Por Diego Espiño |
-
Como é a experiencia de dar a luz en tempos do COVID-19?
Por Anxo Lourido | Creada e actualizada
-
Un home de 80 anos, duodécima vítima mortal de coronavirus na área sanitaria
Por Natalia Puga |