Menos hospitalizados, un paciente menos na UCI e só un caso activo máis de coronavirus na área sanitaria

Por Diego Espiño

© Fonte dos datos: Xunta de Galicia
A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés confirma a tendencia á estabilización de casos relacionados coa pandemia por Covid-19.
Segundo os datos oficiais deste mércores 15 de abril ofrecidos pola Consellería de Sanidade, os casos activos por coronavirus na comarca subiron nunha soa persoa nas últimas 24 horas, con 505 afectados en total.
Estes datos veñen acompañados dun novo descenso na presión hospitalaria, xa que do total de afectados son 52 os que permanecen ingresados, 5 menos que o martes, repartidos entre os centros de Montecelo e O Salnés (5). Isto é así polo baixo número de test positivos e as 6 altas hospitalarias tramitadas que colocan a cifra de recuperados en 123 desde o inicio da crise sanitaria.
Tamén baixou nunha persoa a ocupación da Unidade de Coidados Intensivos (UCI), que actualmente presta atención a 11 pacientes, mentres que 453 afectados recupéranse nos seus domicilios.
Ao non producirse falecementos asociados ao coronavirus nas últimas horas, o número de defuncións na área sanitaria por este motivo mantense en 12.
A nivel autonómico a Dirección Xeral de Saúde Pública informa que, na última actualización, os casos activos de coronavirus en Galicia ascenden a 6.019 (+46), dos que 1.280 son da área da Coruña, 589 da de Lugo, 1.193 da de Ourense, 1.085 da área de Vigo, 1.029 da de Santiago, e 338 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 128 permanecen en UCI, 746 están en unidades de hospitalización e 5.145 no domicilio. Polo de agora, en Galicia rexistráronse 1.298 altas de pacientes e 391 falecementos.
O número de PCR realizadas é de 50.396.
CENTROS RESIDENCIAIS
O número de casos de coronavirus detectados en centros residenciais de servizos sociais de Galicia supoñen o 3,8% do total das persoas residentes. En concreto hai actualmente 929 usuarios e 419 traballadores destes centros con coronavirus. Do total de falecementos da comunidade, 92 eran persoas que estaban en residencias e 82 estaban en hospitais e residencias integradas.
Respecto a as 5 persoas falecidas no último día en centros residenciais, 1 foi da residencia DomusVi Matogrande (A Coruña), 1 da residencia de Foz (Lugo), 1 da residencia DomusVI Cangas e 2 da residencia DomusVi San Lázaro (Santiago de Compostela).
TELÉFONO DE INFORMACIÓN
A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.
O Sergas ten ao dispor da cidadanía unha páxina web (https://coronavirus.sergas.es), na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.
Relacionadas:
-
Estabilidade nos datos de coronavirus na área sanitaria: 507 casos activos e 35 persoas hospitalizadas
Por Diego Espiño |
-
Descenden os hospitalizados por coronavirus na área sanitaria e tramitan altas a 13 pacientes
Por Natalia Puga |
-
Valentín Otero, doce días entre a vida e a morte polo coronavirus: "Foi como volver a nacer"
Por Alejandro Espiño |
-
Só tres casos activos máis de coronavirus na área sanitaria nas últimas 24 horas
Por Diego Espiño |
-
Os positivos por coronavirus repuntan e pasan a barreira dos 500, pero estabilízanse as hospitalizacións
Por Natalia Puga |
-
Un home de 80 anos, duodécima vítima mortal de coronavirus na área sanitaria
Por Natalia Puga |