Atenden unha persoa nun domicilio de Marín debido a un forte cheiro na súa vivenda
Por Redacción
Unha persoa foi atendida esta madrugada polos servizos sanitarios de urxencia tras detectar un forte cheiro na súa vivenda, situada na rúa Francisco Landín Pazos, no concello de Marín.
Malia que os síntomas que presentaba a persoa afectada semellaban a unha posible intoxicación, o persoal sanitario confirmou que non foi preciso o seu traslado.
Ata o lugar desprazáronse os Bombeiros do Morrazo para facer as correspondentes medicións cos distintos gasómetros e, tras apreciar o forte cheiro na vivenda, comprobaron que os resultados das medicións eran negativos.
Foi a mesma afectada quen, ás 05:30 horas, chamou ao 112 Galicia para informar do forte cheiro. Aseguraba que se sentía con mareos e que a súa filla tamén apreciaba o cheiro.
A partir de aí, os xestores do 112 Galicia puxeron os feitos en coñecemento do persoal sanitario e dos Bombeiros. Tamén foron informados os axentes da Policía Local.