Falece Julio Barros, ex concelleiro do PP en Cerdedo
Por Redacción
O PP de Cerdedo-Cotobade expresou, a través do seu presidente, Jorge Cubela, e dos ex alcaldes de Cerdedo, José Balseiros e José Luis Jorge, o seu pesar polo falecemento, na xornada deste sábado do ex concelleiro Julio Barros.
Julio Barros foi unha persoa moi coñecida, querida e implicada socialmente e destacou tamén pola súa gran participación nos proxectos do Partido Popular, chegando a ser edil da corporación no antigo Concello de Cerdedo durante catro anos (1987-1991) durante o mandato do ex rexedor José Luis Jorge Caramés.
Dende o PP falan del coma unha persoa "moi amable no trato e afable coa veciñanza", e lembran que traballou durante toda a súa vida como carniceiro no lugar de Fondós (Quireza).
O alcalde de Cerdedo-Cotobade e presidente local do PP, Jorge Cubela, quixo expresar a súa fonda tristura por esta perda e transmitir publicamente o pésame á súa familia, "xa que desgrazadamente vaise un home bo e xeneroso, un home do pobo, un home cercano, que facía mellor ao noso concello e do que, ademais da afinidade política, sempre lembrarei a agarimosa relación profesional que tiña coa miña familia".