Resolven un violento asalto de 2017 no que un ladrón botou a unha muller do seu coche e arrastrouna polo asfalto
Por Natalia Puga
A Policía Nacional logrou resolver case tres anos despois o violento asalto a unha pontevedresa á que en xullo de 2017 un individuo abordou cando estaba detida nun semáforo, entrou no seu coche e arroxouna á rúa, aínda co cinto porto. A muller sufriu importantes lesións porque foi arrastrada polo asfalto ao longo de varios metros.
O asalto acábase de resolver coa localización do sospeitoso. Pese ao paso do tempo, o caso nunca caeu no esquecemento e, tras un arduo traballo, un axente da Policía Nacional recibiu unha información confidencial na que se puido pescudar que o presunto autor era tan só un visitante esporádico vinculado coa distribución de droga a pequena escala.
Trátase dun veciño da Coruña de 43 anos de idade con múltiples antecedentes policiais que desde hai xa algúns meses atópase en prisión cumprindo condena pola comisión de diversos feitos delituosos por toda Galicia.
Os axentes policiais contactaron novamente coa vítima, unha muller de idade avanzada, e as testemuñas para practicar novas dilixencias de investigación e constataron que é el, de modo que se derivaron todas as dilixencias ao xulgado.
Os feitos sucederon ás 14.00 horas do domingo día 16 de xullo de 2017 cando un individuo, aproveitando que o semáforo estaba en vermello na confluencia das rúas Eduardo Pondal e Uxío Novoneyra, subiuse de forma repentina ao asento do copiloto dun vehículo conducido por esta muller maior.
O home pediulle que o sacase de Pontevedra, e ante o estupor da muller, que lle esixiu que se baixase do coche advertíndolle que se non o facía ía dar aviso á policía, comezou a golpeala e a propinarlle patadas e puñadas, ata que nun determinado momento quíxoa obrigar a baixarse do vehículo. Abriu a porta do condutor desde dentro e empuxouna para arroxala á rúa.
O asaltante foi desprazando á muller do asento cara á rúa e ocupou el mesmo o posto do condutor. Finalmente, puxo en marcha o vehículo coa vítima amarrada aínda polo cinto de seguridade, de modo que foi arrastrada polo asfalto durante parte do percorrido.
A vítima, cando ao fin se puido soltar, quedou tendida no asfalto mentres que o delincuente fuxiu conducindo o seu coche con todas as súas pertenzas dentro. A muller foi asistida por viandantes que estaban pola zona e deron aviso aos servizos de emerxencia. Foi atendida no hospital con múltiples feridas e pasou un longo tempo de recuperación no seu domicilio tanto das secuelas físicas como das psicolóxicas.
O vehículo da vítima apareceu horas despois ese mesmo día aparcado e pechado noutra zona da cidade, nos antigos terreos de Tafisa.
A pesar de que naquel momento na rúa había varias testemuñas dos feitos, as xestións realizadas polos policías do Grupo de Delitos Contra as Persoas e o grupo de prevención da delincuencia da Comisaría Provincial non deron o seu froito e o caso permaneceu case tres anos aberto, pero sen resolver.
Relacionadas:
-
Unha muller acaba no hospital ao ser arrastrada cando lle roubaban o coche
Por Natalia Puga | Creada e actualizada