Caldas arromba as súas zonas verdes ante a autorización de posibles saídas
Por Redacción
Espazos como A Tafona, a Praza das Palmeiras, a Carballeira, o Xardín Botánico, os Choróns, os Pasionistas, o paseo ata Portas ou sendeiro fluvial do Umia están a ser acondicionados polo Concello de Caldas de Reis ante a previsión dun posible desconfinamento.
Estas actuacións forman parte dun programa especial de mantemento, conservación e limpeza de zonas verdes e paseos que vén de activar o goberno municipal.
O concelleiro de Obras, Manuel González, explicou que se trata dun proceso de actuación integral sobre todos os espazos comúns axardinados e paseos do casco urbano e do seu entorno, que se desenvolve de cara a primavera.
Nesta ocasión se coordinou para que estea rematado nesta semana de maneira previa á autorización de posibles saídas dentro da corentena pola COVID-19.
O obxectivo, sinalou o edil, é que as zonas verdes de Caldas estean nas mellores condicións, limpas e acondicionadas se se acorda suavizar as medidas de restrición.
Os parques infantís permanecerán, polo de agora, pechados ao uso e á espera de que as autoridades sanitarias autoricen a súa utilización.
As tarefas consisten na corta do céspede, no saneamento e aclareo de arbustos, roza de vexetación, coidado de plantas e árbores e na limpeza dos conxuntos. Tamén se procederá á desinfección de mobiliario.
O servizo de obras, ademais dos mencionados traballos de acondicionamento nos espazos verdes, vén desenvolvendo ao longo do estado de alarma un esforzo especial, sobre todo en materia de prevención.
Nesta liña, o persoal de obras actúa de maneira continuada nos plans de hixienización e limpeza de beirarrúas, mobiliario e espazos urbanos, así como na desinfección dos accesos aos establecementos comerciais.