‘Hostalería segura’, o distintivo que acreditará os locais que cumpran coas medidas de seguridade fronte ao Covid-19
Por Redacción
A patronal dos hostaleiros, ante a crise que o estado de alarma está a supoñer para o sector, estuda medidas para que a reapertura dos locais sexa o máis segura posible. O obxectivo é, por unha banda, cumprir coas medidas sanitarias e de seguridade e, por outro, que a actividade se retome coas máximas garantías para o cliente e isto redunde nun aumento das reservas.
Hostelería de España, a organización empresarial que representa os restaurantes, bares, cafeterías, pubs e aloxamentos turísticos do noso país, e da que a Federación de Hostalería de Pontevedra é membro, ultima a creación dun distintivo acreditativo de ‘Hostalería segura’ que achegue confianza aos traballadores e clientes sobre o cumprimento dunha serie de medidas de limpeza, saúde e hixiene que eviten a propagación do Covid-19.
O novo distintivo contará con tres variantes diferentes en función do tipo de establecemento: ‘Hostalería segura’, ‘Restaurante seguro’ e ‘Bar seguro’, que se incorporarían á imaxe da asociación territorial correspondente e nos idiomas propios.
Para concretar as condicións deste distintivo, a patronal dos hostaleiros creou un comité técnico. Á espera de pechar os detalles, o protocolo ao que fai referencia este distintivo incluirá varias medidas como o control de temperatura á entrada do establecemento, reaxuste do aforo cunha distancia mínima de separación entre mesas, implantación de dispensadores de hidroxel, extremar a hixiene na manipulación de alimentos, así como da limpeza de todo tipo de utensilios do local e baños.
"Con estas medidas pretendemos ir por diante da situación e avanzar unha serie de protocolos que nos permitan, cando as administracións o autoricen, abrir canto antes. É importante que poidamos retomar a actividade canto antes para paliar o impacto do coronavirus, pero ofrecendo garantías tanto a clientes como a traballadores", afirma o presidente de Hostelería de España, José Luis Yzuel.
Para a desescalada, desde a organización apóstase por unha reapertura segmentada atendendo a dous criterios: por territorios, debido a que non todas as zonas do país se viron igualmente afectadas polo virus, e polo tipo de establecemento, en función das súas características, o que permitiría unha reactivación gradual da actividade garantindo ao máximo a seguridade.
Relacionadas:
-
A Federación Provincial de Empresarios de Hostalería solicita xudicialmente a reapertura dos seus establecementos
Por Redacción |
-
A Xunta flexibiliza as condicións para facer obras interiores nos edificios ocupados
Por Oskar Viéitez |
-
Cabreo do alcalde de Sanxenxo coa ministra de Traballo pola reapertura do sector turístico
Por Oskar Viéitez |
-
Os hostaleiros queren unha videoreunión co Concello para solicitarlle apoio ante os efectos da crise sanitaria
Por Redacción |
-
O coronavirus pecha os grandes hoteis de Sanxenxo
Por Oskar Viéitez |