Antonio Manuel, usuario dun can-guía: "Se nos queren axudar que nos falen, pero que non nos agarren"
Por Alejandro Espiño
Desde hai apenas un ano a Antonio Manuel Villanueva o seu can Spike acompáñao a todas partes. Para el, este labrador negro é moito máis que mera compañía. Son os seus ollos. Grazas a el pode manter unha autonomía plena e seguridade nos seus desprazamentos por Marín.
Antonio Manuel é un dos dezasete cegos que, actualmente, contan cun can-guía adestrado pola ONCE na provincia de Pontevedra. Para el, é o terceiro que ten na súa vida. E, sen dúbida, o que lle supuxo un maior desafío.
Non polo propio animal, co que o seu dono está "encantado" senón porque a pandemia do coronavirus complicou a adaptación do can á súa nova contorna e a aprendizaxe que debe realizar para recoñecer o territorio polo que ha de moverse.
"O can está ben porque eu vivo nunha casa con leira e ten espazo para moverse", explica Antonio a PontevedraViva. O problema virá, segundo recoñece, cando ambos poidan saír de casa porque "leva un mes sen facer a súa función", polo que "haberá que empezar de cero".
Este profesor xubilado entende que Spike "esqueceuse do seu traballo" e cando teña que volver a guialo "vaille custar" porque a zona na que viven "non é fácil".
Antonio Manuel e a súa familia residen nunha zona rural na que "non hai beirarrúas para baixar a Marín" e os coches complican todos os seus desprazamentos. "Ao chegar á cidade xa non hai tanto problema, aínda que a Marín fáltalle moito para ser accesible", relata.
A maiores, sinala, as normas de conduta que se impuxeron pola alerta sanitaria do COVID-19 complican aínda máis as cousas.
Nin as persoas cegas nin os seus cans teñen capacidade para coñecer a distancia de seguridade de dous metros que recomendan as autoridades para evitar posibles contagios. Para iso, necesitan a axuda doutras persoas, pero iso tamén debe cambiar.
"A xente non está afeita e o primeiro que che sae para axudar a un cego é agarralo dun brazo e levalo cara a adiante", detalla Antonio Manuel, un comportamento que agora debe cambiar por seguridade.
Nas distintas situacións diarias que se produzan, "téñennos que indicar as cousas coa voz e non con tacto", de forma que eles tamén poidan cumprir coa normativa vixente en materia sanitaria. Pola contra, expoñeríanse ao contaxio do COVID-19.
Ademais, Antonio Manuel alerta doutra dificultade engadida, estoutra xa sen relación algunha co seu can-guía. A compra de alimentos por internet é, para eles, "un caos", xa que se resulta problemática para calquera "para nós aínda máis".
As páxinas dos supermercados e firmas de alimentación, na súa gran maioría, "non son accesibles" para persoas con discapacidade visual, o que supón "un dobre ou un triplo problema" para este colectivo porque "no outono vai volver a pasar isto".
"Aprendemos estes días que debemos potenciar a vida dixital, pero hai que facelo para todos", engade o profesor marinense, que confía en que as cousas cambien pronto e tamén se teña en conta ás persoas cegas á hora de deseñar a estratexia dixital.
Relacionadas:
-
"Tiven que deixar fóra da consulta o meu can guía porque o médico lle tiña medo"
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
Dezasete estudantes con discapacidade visual realizarán a EBAU no Centro de Recursos da ONCE en Pontevedra
Por Redacción |
-
Funeraria San Marcos ofrece dispositivos para que as persoas invidentes accedan a esquelas e documentos
Por Redacción |
-
Educación destaca o espírito "pioneiro" da ONCE en favor da integración do alumnado
Por Redacción |
-
RADIO.- José Ángel Abraldes, director del CRE de la ONCE: "As novas tecnoloxías tamén adoecen de accesibilidade"
Por Marisa Ciordia |