Un condutor ebrio salta dúas veces o límite de velocidade no mesmo tramo en menos de 30 minutos
Por Redacción
Axentes do destacamento de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra detectaron a media tarde do domingo 3 un condutor que circulaba a 74 km/h nunha zona con límite a 50, na estrada PO-531, na localidade de Baión, pertencente ao municipio de Vilanova de Arousa.
Neste primeiro control de velocidade establecido polos axentes do operativo, o condutor non puido ser identificado. Pero minutos máis tarde, no mesmo punto de control, pero en sentido contrario, o cinemómetro da Garda Civil volvía detectar ao mesmo vehículo excedendo a velocidade permitida nese tramo.
Na segunda ocasión, o turismo circulaba a 87 km/h e os axentes puideron interceptalo. O condutor é un veciño de Meis, de 44 anos de idade, que realizaba un desprazamento autorizado. Ao deter o turismo, os axentes comprobaron que o home presentaba síntomas de consumir bebidas alcohólicas e foi sometido ás probas de alcoholemia.
O test ofreceu un resultado positivo con taxas 0,43 e 0,39 mg/l na primeira e a segunda proba.
O vehículo foi inmobilizado nese mesmo punto e denunciouse tamén ao veciño de Meis por non pasar a inspección técnica periódica (ITV) do turismo.