El Juli, Perera e Talavante abren a porta grande tras cortar sete orellas a un grande encerro de Victoriano del Río
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Sete orellas poden parecer esaxeradas para un festexo que estivo ben, aínda que sen grandes alardes. Iso si, deixou detalles pouco frecuentes para prazas de segunda, como a pontevedresa, e é que os tres destros se empregaron a fondo coa capa, en lances e quites de gran vistosidade que viñan a demostrar as súas ganas de triunfo.
E lográrono os tres compoñentes do cartel. Quizais levados en volandas polo "faenón" que realizou 'El Juli' ao touro que abriu praza, ao que desorellou con xustiza e ao que quizais só a tardanza en dobrar do morlaco privou dun posible terceiro apéndice, co rabo dun precioso animal, de nome Durmiente, de 520 quilos, que "espertou" aos tendidos e que foi premiado tras lídaa coa volta á arena no arrastre.
Tres orellas para "El Juli", dúas para Miguel Ángel Perera e outras dúas para Alejandro Talavante. Máis que merecidas unhas polas faenas realizadas, froito outras do acerto dos matadores na sorte suprema. E é que a segunda de feira da Peregrina deixou, ademais do bo labor coa capa dos matadores, un pouco frecuente acerto co aceiro. Se a iso unimos a impecable lida das tres cuadrillas e o bo, aínda que desigual, xogo que deron os touros de Victoriano del Río, a conclusión é doada: foi unha boa e entretida tarde de touros.
Nin que dicir ten que os tres matadores conseguiron abrir a porta grande, saíndo a ombros no medio da ovación dun tendido que esta vez se quedou en pouco máis de medio aforamento (uns 4.000 espectadores) cuberto, con numerosos claros nos tendidos de sol, nos que se notou a ausencia de varias peñas que o día anterior enchían as localidades máis alcanzables.
A tarde comezou ao grande. Cun touro precioso, dos que adoitan ser sinónimos de triunfo. 'El Juli' non o deixou pasar. Dende os primeiros lances de capa á verónica, ata un ligado e perfecto quite por chicuelinas, para comezar logo a súa faena coa flanela por todo o alto, nunha serie de pases nos medios que anunciaban algo grande. Temperando cada pase. Con fondura, con arte. Toureando nunha baldosa, sen apenas corrixir a posición dos seus pés. Coa dereita. Ao natural. Ligando e mandando ante un touro que repetía e non se cansaba de arremeter, con nobreza, seguindo sempre o engano.
O remate da faena foi a guinda. Unha serie de 'manoletinas', soberbia, cos pés do destro como ancorados na area. A súa estocada, lixeiramente traseira e desprendida fixo que o touro tardase en dobrar, privándoo posiblemente dun rabo que merecera. O seu inimigo foi premiado no arrastre cunha pechada ovación e unha xusta volta á arena.
Era a quenda de Miguel Ángel Perera. Se o seu compañeiro de terna lle puxera o listón alto, máis complicado tívoo cun rival de menor forza e máis perigo que o que abriu praza. Aínda así, o destro pacense estivo brillante e valente. Dende o seu fenomenal e vistoso quite por 'gaoneras' ata os ligados pases polas costas, sen corrixir posición, cos que iniciou a súa faena de muleta. Asumiu riscos para callar unha faena variada, cun fenomenal redondo invertido que levantou ao público dos seus asentos, para rematar cortando unha merecida orella.
Tocáballe a Alejandro Talavante. Non quixo ser menos que os seus compañeiros co capote. Non obstante na faena de muleta estivo gris, sen conseguir ligar. Deixou pases soltos nun labor intranscendente, sen ser capaz de ler as condicións dun touro con menor forza e casta que os dous anteriores.
Pero o mundo do touro é así de curioso. A espada, que tantas veces resultou a cruz de Talavante e tantos éxitos lle negou, quixo nesta ocasión darlle unha orella que por faena non se gañara. O destro estoqueou de modo atinado e fulminante ao seu rival, o que lle permitiu, xunto coa xenerosidade do tendido, tocar pelo e seguir o ronsel dos demais.
A estas alturas de lídaa vírase xa máis que en moitas outras corridas enteiras. E aínda quedaba outro tanto. Cos matadores dispostos a aproveitar a nobreza dun encerro de calidade e o favor dun tendido entregado.
De novo 'El Juli' saltou á area. Disposto a completar un triunfo xa asegurado no seu primeiro. Pero esta vez tivo máis dificultades. Fixo unha faena de menos a máis, pero custoulle ligar. Iso si, logrou sacar do touro (posiblemente o máis frouxo da tarde) máis do que tiña. Como ademais matou dunha estocada en todo o alto, gañouse a terceira orella e, froito da euforia, moitos aínda pedían outra.
Tivo mérito o de Perera no quinto. Un astifino de impoñentes defensas, pero nobre na acometida, ante o que de novo arriscou deixando un bo labor coa capa e unha faena coa flanela de moito mérito, tirando sempre do touro, con querencia a táboas, cara aos medios, para callar un toureo de preto, valente e con calidade, o que unido a unha magnífica estocada lle serviu para cortar outra orella.
Talavante ordenou parar de tocar á Banda de Música ata que considerou que a súa faena o merecía
E Talavante non quixo ser menos. Despois dun lucido quite á verónica, cando comezou a súa faena tivo un detalle do que algún afeccionado que tende a confundir os touros cos concertos debería tomar boa nota. O destro ordenou parar de tocar á banda de música, por entender que aínda non realizara nada que merecese acompañamento musical.
Logo si, despois dunha espectacular serie de redondos, culminada cun invertido sensacional, deixou que a música soase e rematou callando unha faena de moito mérito, nun tremendo remate, cunha serie de 'manoletinas' de xeonllos e desplante na cara do touro, que, ao acertar novamente co aceiro, lle permitiron tamén saír pola porta grande como os seus compañeiros de terna.
Os tres destros e o maioral da gandaría de Victoriano del Río saen a ombros pola porta grande
FICHA DA CORRIDA
JULIÁN LÿPEZ 'EL JULI': Estocada traseira e desprendida (dúas orellas e volta á arena para o touro, tras escoitar un aviso). Estocada en todo o alto (unha orella). Sae a ombros pola porta grande.
MIGUEL ÁNGEL PERERA: Picada e estocada tendida (unha orella). Estocada (unha orella). Sae a ombros pola porta grande.
ALEJANDRO TALAVANTE: Estocada atinada e fulminante (unha orella). Estocada lixeiramente desprendida e descabelo ao primeiro intento (unha orella). Sae a ombros pola porta grande.
Incidencias: Praza de Touros de Pontevedra. Segunda corrida do ciclo taurino de La Peregrina. Algo máis media entrada nos tendidos, cuns 4.000 espectadores. Touros da Gandaría de Victoriano del Río. O maioral da gandaría acompañou os matadores na saída a ombros pola porta grande.
TERCEIRA DE FEIRA
A tarde do próximo sábado celebrarase o seguinte festexo, terceiro do ciclo, unha corrida de picas, con touros da Gandaría de San Mateo, para os cabaleiros Fermín Bohórquez, Andy Cartagena e Diego Ventura. O festexo, como é habitual, comezará ás 19:00 horas.