Vídeo "Sentidiño" da plataforma #PonteLovers
© Concello de Pontevedra
VÍDEO.- Sentidiño, agora que as rúas comezan a recuperar a normalidade
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Coincidindo co inicio da primeira fase da desescalada, a plataforma PonteLovers lanza unha peza audiovisual titulada Sentidiño.
Con este vídeo, a concellería de Promoción Económica e Turismo quere enviar a seguinte mensaxe: "A todos os que coidastes de nós sen descanso, vencendo os nosos medos, con orgullo e humildade. Porque o voso traballo é compromiso. A vós. Pola vosa enorme profesionalidade, polo esforzo constante. Porque o voso traballo é amor e o amor non entende de distancias. A vós, por ter nas vosas mans o alimento e no voso alento, o agarimo. Por ser o mellor equipo co que poderiamos soñar".
"De corazón, grazas! Estádelo dando todo por nós, agora é a nosa quenda. Farémolo por vós. Farémolo por ti. Farémolo por todos. Agora, na rúa: Sentidiño!", engaden desde o vídeo.
Tal e como sinala a concelleira Yoya Blanco, tras o esforzo realizado por todos durante o confinamento, a plataforma PonteLovers quere aproveitar a entrada nesta primeira fase da desescalada para "agradecer o labor deses heroes que loitastes en primeira liña contra a ameaza da COVID-19 e que traballastes cada día para que non nos faltase de nada a ningún de nós".
"Grazas de corazón! E agora que as rúas comezan a recuperar pouco a pouco a normalidade, só vos pedimos aos PonteLovers que desfrutedes delas... Con sentidiño", afirma a edil.