Pontevedra propón o Defensor del Pueblo e o Parlamento que pidan a inconstitucionalidade da Lei de Costas
Por Redacción
A Xunta de Goberno de Pontevedra aprobou este luns solicitar do Defensor del Pueblo e do Parlamento de Galicia que interpoñan recurso de inconstitucionalidade contra a nova Lei de Costas. A petición irá dirixida tamén á Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), ou no seu caso, á Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP), por afectar a todos os concellos costeiros do Estado.
A citada demanda formúlase en base ao escrito xurídico encargado polo Concello de Poio sobre a posible inconstitucionalidade da lei, que se difundiu entre todos os concellos costeiros galegos para que aproben en Pleno reclamar a inconstitucionalidade da norma. Ao non dar tempo a que esta petición vaia a Pleno, aprobouse en Xunta de Goberno.
O concelleiro de Ordenación do Territorio, César Mosquera, anunciou este luns este trámite e criticou que o lei "abre a porta de maneira escandalosa á descrecionalidade á arbitrariedade".
Segundo o informe xurídico do Concello, a Lei de Costas "infrinxe o principio de irretroactividade, seguridade xurídica, legadidade, xerarquía normativa e igualdade, ademais de invasión de competencias autonómicas exclusivas, e locais" en materia de ordenación do territorio e ordenación do litoral.
Tamén estima o informe que podería ser inconstitucional dado o amplísimo prazo de prórroga pautado, unido á posibilidade de transmitir intervivos, e ao réxime de obras de consolidación e mellora que agora se admiten, que configuraría "un réxime xurídico equiparable a un título de propiedade", e non ten en conta o carácter demanial imprescriptible e inalienable da zona marítimo-terrestre, como recolle a Constitución.
A maiores, o informe recolle que admite 'de facto' unha privatización do dominio para industrias contaminantes que no caso de Ence-Elnosa "vaino a habilitar para estar 135 anos na ría, o que supera con creces a idade máxima de vida dun ser humano e o que constitúe unha grande fraude" ao carácter demanial do espazo marítimo-terrestre que ocupa o complexo industrial.
A Xunta de Goberno tamén aprobou enviar o Plan Xeral de Ordenación Urbana de Pontevedra ao Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente para que se sexa informado en base a nova Lei de Costas e determine as afectacións que puidera ter en base a ese novo texto legal.
O concelleiro engadiu que "non é fácil de saber que vai dicir Costas neste informe", pero non descarta que zonas urbanas de Pontevedra que ata o de agora non estaban afectadas por Costas, podan estalo a raíz de esta nova revisión retroactiva que esixe a lei.