Flores, plantas, froitas e verduras volven ao mercado ambulante de Marín este próximo xoves
Por Redacción
Este próximo xoves 14 de maio os usuarios poderán acudir de novo ao mercado ambulante de Marín, aínda que quen se achegue atoparanse con algunhas restricións sobre as condicións anteriores ao estado de alarma.
Desta forma o Concello só permite a instalación dos postos dedicados á venda de flores, plantas, froitas e verduras; quedando polo momento sen instalarse os dedicados á venda de roupa e calzado.
Ao permitir unicamente estes produtos, o número de vendedores ambulantes que poderán instalarse resulta inferior ao 25% do total e cumpriranse por tanto os distanciamentos entre postos que deben manterse.
Con todo, desde a administración local lémbrase que os usuarios tamén deben manter a distancia de seguridade de dous metros con outra persoa e utilizar os medios de protección pertinentes como máscaras e luvas.
No caso de Marín, o mercado ambulante instálase na rúa Serafín Tubío e celébrase os xoves durante todo o ano.