Poio estuda as posibilidades de levar a cabo as ludotecas de verán
Por Redacción
O Concello de Poio ten realizada a tramitación das novas edicións dos programas Campaverán, organizado a través da Concellería de Educación, e Espazo Concilia, xestionado polo departamento de Igualdade, á agarda de coñecer a posibilidade de poder levalas a cabo con total garantía de seguridade para as familias participantes.
Trátase de dúas iniciativas habituais na tempada estival, que teñen coma obxectivo facilitar a nais e pais a conciliación familiar durante eses meses. O goberno local entende que estas actividades, iso si, deben desenvolverse con todas as garantías e co visto bo da Xunta de Galicia.
Deste xeito, as concelleiras responsables destas concellerías, Raquel Rodríguez e Silvia Díaz, instan á administración autonómica a que elabore un protocolo de seguridade que facilite tamén ofrecer aos veciños o mellor servizo posible.
"É necesario que os concellos saibamos canto antes que medidas ten previstas desenvolver a Xunta de Galicia nesta materia, para garantir a conciliación das familias", coinciden as concelleiras poienses, que teñen claro que é necesario que se impartan directrices que faciliten a conciliación familiar e laboral de nais e pais, unha vez finalice o estado de alarma vixente.