Suspendida a feira multisectorial de Portonovo diante da imposibilidade de gardar a distancia social
Por Oskar Viéitez
As recomendacións sanitarias de hixiene e o cumprimento da distancia de seguridade obrigan á suspensión da feira multisectorial de Portonovo, segundo informou o Concello de Sanxenxo nun comunicado.
A razón que esgrime para esta cancelación é que a beirarrúa de Rafael Picó, onde se instalan os postos de venda, non cumpre cos 6 metros de ancho que esixe o decreto para mercados e feiras para evitar aglomeracións e obrigaría a deixar fóra da cita a un mínimo do 66% dos postos ao ter que separalos entre si polo menos 2 metros.
O resultado sería unha multisectorial que non respondería as expectativas nin de veciños nin de feirantes nin do Concello como organizador.
O goberno local anuncia que xa está a traballar na renovación e planificación da edición de 2021 cunha "mellora substancial" da feira, tanto no seu formato e contido como na estética dos postos de venda. "A feira de Portonovo merece un salto de calidade que consolide a cita como unha de máis atractivas de Galicia polo que se vende e a calidade das instalacións onde se vende", di o goberno local.
A partir do próximo ano o Concello vai converter no único organizador do evento.
O Concello de Sanxenxo informou que "este cambio obrigará a facer un importante investimento na adquisición duns módulos de maior calidade e coidado estético, pero a curto prazo será un investimento rendible pois permitirá ingresar todos os beneficios que xera a feira, ademais de dispoñer duns expositores que se poderán utilizar en todo tipo de eventos ao longo do ano como Nadal, Semana Santa, Feira da Cebola ou Festa da Raia, entre outros".
O goberno está a ver distintos modelos de postos de venda de alta calidade, e compartiu a imaxe dun que se fabrica en Galicia a partir dun contedor marítimo e que inclúe dous postos de venda de 9 metros cadrados cada un. Está feito con materiais sostibles, é personalizable, con vidros de seguridade, instalación eléctrica individual e pérgola entre outros equipamentos.