Menos restricións para as hortas urbanas de Pontevedra na fase 2 da desescalada
Por Redacción
O paso á fase 2 da desescalada, que todo apunta a que chegará a toda Galicia a vindeira semana, chegará con medidas de alivio para os usuarios das hortas urbanas de Pontevedra. A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural reducirá as restricións de uso.
Estas medidas de alivio suporán duplicar o número máximo de días e horas permitidos para que os 53 usuarios poidan traballar nos seus espazos asignados, pasando dunha hora diaria 2 días por semana a unha hora diaria catro días por semana.
O concelleiro responsable da área, Iván Puentes, acordou coa empresa Feito, que xestiona estas hortas, estas medidas y lembra que o resto de limitacións e normas de hixiene e prevención continúan en vigor, xa que "non podemos plantexarnos levantar todas as restricións mentres a Xunta de Galicia non modifique a orde que regula a atención de hortas familiares, municipais e de autoconsumo (no mesmo termo municipal do domicilio)".
Desta maneira, continúan as restricións de que en cada parcela só poida estar traballando unha persoa e que o número máximo de persoas que poden coincidir simultaneamente na horta sexa de dúas no caso da horta do Miradoiro e de catro na de Conde Bugallal.
Ademais, durante esta situación de alerta sanitaria é obrigatorio o uso de máscara e luvas durante todo o tempo que se permaneza no interior da horta, cando se estea en contacto co material e cos apeiros empregados no mesmo e tamén no almacén de material. Ademais, hai que respectar a distancia social cos outros usuarios, mantendo en todo momento unha separación mínima de 2 metros.
Ata novo aviso tamén se mantén o sistema de reserva e a obriga de desinfectar todo o material despois do seu uso cunha solución hidroalcoólica de superficies posta a disposición dos usuarios a través de dispensadores. Tal e como se estaba a facer dende a súa reapertura, os 16 concesionarios da horta comunitaria do Mirador e os 37 de Conde Bugallal deben reservar con anterioridade a cada visita o día e a franxa horaria concreta na que desexen acudir á horta.
Relacionadas:
-
Pontevedra pon a punto os xardíns urbanos e áreas de xogo da cidade
Por Redacción |
-
Verdura estragada e caracois, na volta a actividade das hortas urbanas
Por Redacción |
-
Reapertura das hortas urbanas o próximo sábado 2 de maio
Por Redacción |
-
Usuarios das hortas urbanas de Pontevedra piden a súa apertura inmediata
Por Anxo Lourido |