Remodelado o acceso e o escenario do Auditorio da Finca de Briz
Por Oskar Viéitez
A Finca de Briz é un dos mellores enclaves no casco urbano de Marín para o ocio familiar, pero tamén para a realización de eventos culturais e doutra índole grazas ao seu auditorio.
A madeira instalada no escenario atopábase en moi mal estado polo paso do tempo e pola humidade, polo que o Concello decidiu executar a súa substitución por formigón impreso, mellorando substancialmente a imaxe do Auditorio.
Con esta actuación, tamén se corrixiu o acceso ao mesmo auditorio, mellorando o espazo e a pendente para que poidan baixar e subir de xeito seguro os vehículos asociados á organización de eventos e tamén das propias persoas.
SANTOMÉ DE PIÑEIRO
Por outra banda o Concello de Marín está levando a cabo unha intensa actuación de limpeza de cunetas na parroquia de Santomé de Piñeiro. Concretamente, os traballos están a desenvolverse na estrada que une os lugares de Allariz, Igrexario, Cernello e Anicón, a cargo da empresa Construcciones Fechi, cun orzamento total de 8.046 euros.
Segundo indicou o concelleiro de Medio Rural, Pablo Novas, trátase dunha actuación moi demandada polos veciños e veciñas destes núcleos rurais "e é moi necesaria debido á gran cantidade de auga que se xunta, froito da escorrentía das ladeiras do monte".
Os traballos xa comezaron a pasada semana e está previsto que poidan ser rematados a finais desta semana.