Cerdedo-Cotobade unifica o seu servizo de axuda no fogar cun novo contrato de 788.000 euros
Por Redacción
O pleno do Concello de Cerdedo-Cotobade aprobou o primeiro expediente de contratación do servizo de axuda no fogar unificado para os dous municipios desde a súa fusión por valor de 788.000 euros para prestar preto de 24.000 horas ao ano de atención domiciliaria.
O obxectivo do goberno local é publicar o concurso de forma inmediata para que entre en funcionamento a partir do mes de agosto.
Finalizados os contratos previos á fusión de ambos os territorios, o goberno local aprobou a unificación definitiva dun servizo que combinará a prestación indirecta a través dunha empresa externa para os dependentes e a atención directa con persoal propio para o resto de usuarios.
A redacción do prego de bases do concurso público do servizo de dependencia é o que rexistra un maior número de beneficiarios. Trátase dun expediente que contempla a prestación de 24.000 horas ao ano a un prezo de 16,42 euros por hora.
Esta contía está subvencionada ao 90% polo Concello e a Xunta de modo que os usuarios teñen que pagar dous euros por hora en forma de copagamento, aínda que en función da situación económica particular de cada usuario poden recibir máis bonificacións.
O contrato, ao que poderán optar as empresas do sector, está fixado en 394.000 euros anuais e terá unha vixencia de dous anos con posibilidade de prórroga por acordo das dúas partes por dous anos adicionais.
"Un concurso tan importante e cun prezo moi acaído para o mercado existente e tamén para os usuarios grazas ao cofinanciamento, que ademais céntrase nun servizo tan sensible e prioritario para nós como é a atención a maiores e dependentes”, declarou satisfeito o alcalde, Jorge Cubela, quen avanzou que se trata do primeiro novo contrato dunha liña de actuación na que haberá máis "licitacións de gran calado" para seguir mellorando os servizos públicos.
REXEITAMENTO DO BNG
Esta licitación non foi apoiada polo edil do BNG ao entender que supera "amplamente" as competencias municipais e debe ser a Xunta de Galicia a que garanta que o servizo chegue a toda a cidadanía "con independencia de onde se viva".
O goberno galego, segundo Ernesto Filgueira, "non pode botar balóns fóra" e debe asumir as súas competencias.
Ademais, o concelleiro nacionalista lamenta descoñecer se a estimación de 24.000 horas é "realista, ambiciosa ou timorata" e considera que para ter un servizo de calidade "non se pode escatimar nin en horas prestadas nin en orzamento".
As traballadoras deben ter tamén unhas condicións "dignas" tendo en conta que se trata dun contrato público e esixe que a empresa aplique as condicións laborais correspondentes.
Relacionadas:
-
Cerdedo-Cotobade aproba novas medidas de seguridade para os locais abertos ao público
Por Redacción |
-
Cerdedo-Cotobade anuncia cheques alimentarios a familias sen recursos e a extensión do programa de telecomida
Por Oskar Viéitez |
-
Cerdedo-Cotobade só mantén operativa a recollida de lixo o Servizo de Axuda no Fogar e o alumeado
Por Oskar Viéitez |
-
Cerdedo-Cotobade aumenta un 30% a partida de Servizos Sociais
Por Redacción |
-
A xestión do Servizo de Axuda no Fogar terá un formato mixto en Cerdedo-Cotobade
Por Redacción |