Poio adiantará as habituais tarefas de mantemento e limpeza dos colexios
Por Redacción
A pandemia do coronavirus e a suspensión da actividade lectiva en practicamente todos os niveis educativos ata o vindeiro mes de setembro terá o seu impacto este ano nas habituais tarefas de mantemento e limpeza dos centros que cada verán realiza o Concello de Poio.
A concelleira de Educación, Raquel Rodríguez, iniciou hai xa varios días unha rolda de conversas cos equipos directivos dos diferentes centros educativos do municipio co obxectivo de axilizar eses traballos de mantemento e limpeza.
Despois desas visitas, lembra que o habitual é que este tipo de tarefas se desenvolvan ao longo do verán, pero que dado que a actividade escolar xa non se vai a retomar ata o vindeiro curso lectivo, logo da súa paralización a mediados do pasado mes de marzo con motivo da aprobación do estado de alarma, permitirá que os operarios poidan adiantar as actuacións.
Raquel Rodríguez explicou que está en conversas cos responsables dos centros educativos "para coñecer de primeira man as súas necesidades" e garantiu que as instalacións estarán a punto despois do verán.