COGAMI elaborará un proxecto para mellorar a accesibilidade no porto de Bueu
Por Redacción
Portos de Galicia contratou a Combina Social, o centro especial de emprego da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) para elaborar a redacción dun proxecto que permita mellorar o acceso ás instalacións portuarias nos municipios de Bueu, Cangas e Moaña.
Estes tres peiraos son os que contan con maior actividade de pasaxe en toda Galicia e por este motivo, desde Portos de Galicia, queren que se asuman traballos que faciliten o acceso universal ás dársenas.
COGAMI recibirá 10.000 euros por estes traballos que se centrarán na elaboración dun proxecto para executar as obras de mellora de acceso cun horizonte temporal máximo de cinco anos. Combina Social terá que deseñar unha rede de itinerarios que permitan desprazarse a todas as persoas atendendo á normativa vixente e facilitando o movemento de pasaxeiros nas dársenas.
Revisaranse os aparcamentos, sendas e espazos peonís de acceso libre e elementos urbanísticos, cruces, desniveis e mobiliario urbano que dificulten actualmente o paso. Elaborarase un plan de acción con delimitación das zonas especiais, as áreas de actuación e a orde de prioridade para acometer os traballos.
A intención de Portos de Galicia, organismo titular destes espazos, é que se eliminen as barreiras arquitectónicas que se atopan nestes espazos marítimos tan transitados, sobre todo en época estival.