O Concello de Cambados suspende a Festa do Albariño
Por Redacción
O Concello de Cambados suspende a Festa do Albariño. "Non vai haber casetas na Calzada, non vai haber food trucks, non vai haber xantar, nin concertos, nin verbenas, nin atraccións... Así que non vai haber festa", declarou o tenente de alcalde e concelleiro de Cultura, Constantino Cordal.
O Goberno local decidiu cancelar todos os eventos, diante da actual situación sanitaria derivada da pandemia da covid-19. "Os actos multitudinarios non terían sentido", valorou a alcaldesa, Fátima Abal.
A decisión foi coordinada co Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas que manterá catas e unha entrega de premios simbólica aos mellores viños do ano. Aínda non se comunicou se se mantén o denominado Túnel do Viño.
A noticia tamén supón un pau económico para a hostalería e o turismo da comarca aínda que xa era esperada por todo o sector que xa a tiña asumida desde a suspensión do concerto de Nicky Jam, un dos referentes do reguetón.
O cantante comprometeuse a actuar nas festas de Cambados do ano próximo, en concreto o 30 de xullo do 2021.