Convocan polo trámite de urxencia o proceso selectivo para 119 auxiliares de policía local
Por Redacción
A Xunta de Galicia anuncia a convocatoria do proceso selectivo para cubrir 119 prazas de auxiliares da policía local.
A pesar de que a pandemia do coronavirus esixe unha serie de restricións en canto a grandes agrupamentos de persoas, desde o goberno autonómico infórmase que, unha vez consultada esta cuestión co Centro de Coordinación Operativa fronte á COVID-19, acordouse o inicio deste procedemento "por entender que a cobertura destas prazas é indispensable para a protección do interese xeral".
En todo caso, nos procesos selectivos aplicaranse as medidas de protección e seguridade necesarias.
Dada a situación actual, o procedemento convócase polo trámite de urxencia, polo que todos os prazos se reducen á metade, agás os referidos á presentación de solicitudes, recursos e alegacións.
A convocatoria publicábase no Diario Oficial de Galicia do pasado venres 29 de maio e establece un prazo de presentación de solicitudes de dez días hábiles desde o seguinte ao da publicación. Polo tanto, tendo en conta que, segundo a sede electrónica da Xunta de Galicia "considéranse inhábiles, para os efectos do cómputo de prazos, os sábados, os domingos e os días declarados como festas laborais", o prazo de presentación de solicitudes estaría aberto ata o vindeiro venres 12 de xuño.
Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes, publicarase no DOG a resolución coa listaxe provisional de persoas admitidas e excluídas, e abrirase un prazo de cinco días para posibles emendas.
O procedemento será de oposición por quenda libre e incluirá a comprobación de estatura, proba de aptitude física, proba de coñecemento e proba de lingua galega para aqueles que non estean exentos. A previsión é que as probas poidan celebrarse no mes de xuño.
Os aprobados poderán elixir destino, por orde de puntuación, nalgún dos concellos que convocan prazas. Ademais, deberán superar un curso de formación teórico-práctico como requisito indispensable para que se proceda á súa contratación. Aquelas persoas que non superen o procedemento pasarán a conformar unha listaxe de reserva para futuras contratacións.
Na contorna de Pontevedra, a oferta máis ampla é para o concello de Sanxenxo, con 33 prazas convocadas. Tamén ofertan prazas os concellos de Bueu (8 prazas), O Grove (5 prazas), Vilagarcía de Arousa (8 prazas) e Vilanova de Arousa (2 prazas).
En total, os concellos que ofertan prazas para esta convocatoria son 26. Aos xa mencionados, súmanse os de A Cañiza, A Estrada, A Guarda, A Laracha, Barbadás, Cangas, O Carballiño, Carballo, Cedeira, Gondomar, Malpica de Bergantiños, Miño, Noia, O Barco de Valdeorras, Oleiros, Ortigueira, Ponteareas, Redondela, Rianxo, Salceda de Caselas e Tomiño.
Relacionadas:
-
O goberno meco aplicará "man dura" para vixiar o uso de máscaras e a celebración de 'botellóns'
Por Redacción |
-
Sanxenxo inicia a busca de persoal para cubrir dous postos de oficial e dous de axentes da Policía Local
Por Redacción |
-
Abren o prazo para presentar solicitudes a dúas prazas de Policía Local en Poio
Por Redacción |
-
O Concello convoca o posto para a xefatura da Policía Local
Por Oskar Viéitez |
-
Búscase persoal administrativo para o Concello de Pontevedra
Por Redacción |