Residentes nos centros de maiores pasan consulta de reumatoloxía a través dunha tablet
Por Redacción
A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés está a levar a cabo a atención a pacientes con enfermidades reumatolóxicas que residen en centros de maiores e sociosanitarios mediante videoconsulta. Con este sistema evítase o desprazamento aos centros sanitarios dun colectivo que está considerado como de risco na presente pandemia do coronavirus.
Esta asistencia a distancia realízase de modo coordinado entre o servizo de Reumatoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e os departamentos médicos das diversas residencias, evalúanse os casos por parte do especialista e, de ser necesario, realízase unha derivación dos casos máis urxentes.
A comunicación entre médico e paciente establécese a través dunha tablet, coa que recentemente se dotou aos centros de maiores e sociosanitarios da contorna de Pontevedra e O Salnés. Estas tablets forman parte da doazón que o Rotary Club de Pontevedra fixera á área sanitaria ao inicio da pandemia do coronavirus para que os pacientes illados puidesen contactar cos seus familiares e achegados. Unha vez cumprida a súa misión inicial, o equipamento tecnolóxico está tendo este novo uso nas residencias e centros asistenciais.
Desde a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés infórmase que en todos os casos se trata de consultas de supervisión, é dicir, pacientes que previamente foran diagnosticados, polo que "permite que os profesionais da Reumatoloxía poidan efectuar videoconsultas interactivas cos propios doentes, así coma enviar aos equipos médicos de residencias asistenciais e de persoas maiores pautas de tratamento e información clínica das doenzas de certos pacientes residentes neses centros, que lles evitan desprazamentos ata o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra".
Segundo sinala a xefa de Reumatoloxía deste Complexo, a doutora Susana Romero Yuste, "a intención do noso servizo é atender con videoconsulta aos doentes que, pola súa situación clínica ou patoloxía específica, así se lles poida efectuar, pero sen deixar de garantir en todo momento as consultas de atención presencial xeral a aqueles pacientes que o precisen".
Relacionadas:
-
RADIO.- "Esta pandemia reafirma valores e comportamentos que poñen á familia, como institución, nun primeiro plano"
Por Marisa Ciordia |
-
As residencias de maiores e centros de persoas con discapacidade reactívanse con cautela
Por Redacción |
-
Os dermatólogos pasarán consulta por videoconferencia nas residencias de maiores
Por Redacción |
-
O Rotary Club repite doazón de 20 tablets para enfermos illados de Montecelo
Por Redacción |