Pontevedra prohibe todas as fogueiras comunitarias que se celebraban por San Xoán no espazo público
Por Redacción
O Concello de Pontevedra non autorizará fogueiras de San Xoán que sexan comunitarias e empreguen o espazo público. O motivo que aduce o Goberno local é que este non é o momento sanitario máis acaído e porque tampouco se poden garantir as medidas sanitarias e de seguridade habituais destas celebracións.
O Concello de Pontevedra está a ultimar o Bando de Alcaldía sobre as fogueiras de San Xoán para que os particulares interesados poidan presentar en prazo a súa comunicación diante da administración.
Segundo informaron desde o Goberno local, algunhas asociacións xa se puxeron en contacto co Concello e mostráronse "comprensivas" con esta decisión diante da "excepcionalidade da situación".
En canto aos particulares, o Concello manterá os protocolos de anos anteriores sobre a seguridade, pero tamén esixirá que se garantan as medidas sanitarias que determine a Xunta de Galicia, dado que o San Xoán celébrase despois do final do Estado de alarma. Neste momento, o máximo de concentración no ámbito privado é de 20 persoas.
Desde o Goberno local indicaron que estiveron a esperar unha posible comunicación da Xunta de Galicia sobre o protocolo para implantar no caso da celebración da noite do San Xoán, pero "diante da ausencia de noticias", acordou esta solución e con carácter inminente sacará o Bando de Alcaldía.