O BNG responsabiliza o alcalde da rotura do depósito de auga de San Vicente do Mar e ameaza con xudicializar o caso
Por Redacción
Máis aló dos importantes danos materiais causados, a rotura dun dos depósitos de auga de San Vicente do Mar ameaza con abrir unha dura fronte de batalla política no Grove.
Segundo o BNG da localidade, o sucedido débese á "neglixencia e a irresponsabilidade deste goberno co seu alcalde a cabeza", xa que desde hai uns anos é o Concello o propietario das infraestruturas desta urbanización "polo que está obrigado a mantelas en perfecto estado e en servizo", e neste caso "non contaba coas garantías técnicas e de seguridade necesarias".
A este respecto o propio alcalde, José Antonio Cacabelos, recoñeceu este venres que a urbanización "por unha sentenza xudicial se nos obligou a recepcionala ao Concello do Grove cando nos viñamos advertindo que era unha urbanización moi antiga que non tiña as garantías de actuacións de mantemento".
Detrás de todo isto, celebrando todas as partes que afortunadamente non se tivo que lamentar danos persoais ante unha catástrofe de tal magnitude, atópase a importante suma de diñeiro que previsiblemente haberá que asumir en concepto de indemnizacións, con varias vivendas completamente arrasadas pola riada de auga do depósito. "O Concello vai ter que responsabilizarse de varios centos de miles de euros para reparar os bens destruídos e afectados", asegura o BNG.
A formación nacionalista, que conta con dous edís na corporación grovense, defende ademais que a rede de abastecemento municipal acumula numerosos problemas de avarías e cortes e ameaza con xudicializar o caso: "reservámonos a posibilidade de acudir ante a fiscalía para depurar as posibles neglixencias e culpabilidades por acción ou omisión", concluíron.
Relacionadas:
-
Edificios esnaquizados e coches danados pola rotura dun depósito de auga en San Vicente
Por Natalia Puga | Creada e actualizada