Ángel Moldes pedirá explicación pola "chapuza" das obras do Camiño do Loureiro
Por Oskar Viéitez
Atendendo á petición dos veciños, o voceiro do grupo municipal do Partido Popular de Poio, Ángel Moldes, visitou o Camiño do Loureiro, no lugar de Cidrás, na parroquia de Combarro para comprobar as queixas existentes polas obras de pavimentación e saneamento executadas recentemente polo Concello cun custo de máis de 160.000 euros con fondos da Deputación.
Moldes anunciou que este martes en Comisión de Urbanismo o PP pedirá que se reparen as "graves deficiencias" que presenta o camiño, e resaltou que "o tempo deu a razón aos populares", que advertiran de que estas obras "eran unha chapuza que sae moi cara", xa que a opción escollida polo goberno municipal "chegaba tarde, era a máis cara, a peor tecnicamente e deixaba fóra ao 90% dos veciños, ao transcorrer pola parte de diante das casas".
Tal e como denunciou o PP, "a obra non solucionou o problema de saneamento da zona xa que a maioría dos veciños seguen sen servizo e agora, aínda por riba, despois de gastar 160.000 euros despois duns meses xa hai buracos e o firme está totalmente deteriorado".
O PP criticou "unha nova chapuza do Concello" e censurou que "cada dous por tres os veciños atopan unha obra que hai que volver a levantar ou a facer porque non se fixo ben", e citou o caso da Avenida Doutor Martínez.
Moldes dixo esperar que se repare o antes posible, xa que a obra "debería estar en garantía" e lamentou ademais que tivesen que ser a veciñanza, e non o Concello, os que detectasen e sinalizasen as deficiencias xa que "o cono advertindo do peligro o puxeron os propios veciños a espera de que os Tres Alcaldes veñan reparalo".