Ponte Caldelas retoma as clases de ximnasia nun espazo máis amplo para manter as distancias
Por Redacción
O pavillón municipal de Chan da Barcia en Ponte Caldelas acolle desde este martes a actividade de ximnasia de mantemento para persoas maiores ‘Ponte en Movemento’.
De modo provisional e ata o tempo que dure a pandemia do coronavirus, as clases desenvolveranse nestas instalacións municipais que, pola súa amplitude, permiten garantir que todos os participantes na actividade poidan manter unha distancia interpersoal maior aos dous metros que se esixen. Anteriormente, as clases celebrábanse no Ximnasio Xparta.
Neste momento son 35 persoas empadroadas en Ponte Caldelas as que están anotadas á actividade, que por 10 euros ao mes, permite a asistencia a dúas clases semanais de ximnasia de mantemento e acceso libre a máquinas coa guía do monitor. As clases de ximnasia de mantemento teñen lugar os martes e xoves, de 11.00 a 11.45 horas, e o único requisito para participar é ser maior de 59 anos, estar empadroado no municipio e presentar un informe médico para coñecer se hai necesidades ou problemáticas específicas.
As dimensións da pista do pavillón permiten incluso o incremento do número de persoas participantes nesta actividade. Desde o concello de Ponte Caldelas lémbrase que "envellecer activamente é algo moi importante para as persoas maiores, posto que participar neste tipo de actividades non só é saudable a nivel físico, senón tamén a nivel psicolóxico".