Caldas de Reis mellorará os servizos na Rúa Real
Por Redacción
O concelleiro de Medio Ambiente, Obras e Infraestruturas, Manuel González, informou este venres que o Concello de Caldas de Reis vai realizar un investimento de 319.420 euros na execución do proxecto de instalación e mellora do saneamento e separativa de augas pluvias na rúa Real.
Os fondos necesarios para esta importante intervención proceden dunha subvención de 265.820 euros xa aprobados ao abeiro da liña 1 do Plan de Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra, que se completará con 53.600 euros de fondos correspondentes ás axudas da Área de Rehabilitación Integral (ARI) de Caldas de Reis que financian o Ministerio de Fomento, a Xunta e o Concello.
Manuel González explicou que "é unha actuación moi ambiciosa e importante para Caldas de Reis que contribuirá de maneira decisiva á mellora da calidade de vida da veciñanza e a mellorar as condicións urbanas e de habitabilidade dunha das principais rúas do casco urbano".
O proxecto afectará ao treito da rúa Real comprendido entre as rúas Juan Fuentes Echeverría e García Bayón onde xa se actuou o ano pasado na mellora do saneamento.
Ademais da execución do saneamento e a separativa de augas pluviais e fecais mediante un aumento de sección das novas canalizacións e a aplicación dunha maior pendente ao sumidoiro, a intervención contempla a mellora do sistema de abastecemento de auga e de regadío, o cambio das luminarias actuais por outras de tipo LED que proporcionarán un importante aforro enerxético e a disposición de novas canalizacións para o futuro soterramento das liñas eléctricas e de telecomunicacións.
Segundo se recolle no proxecto técnico, as obras realizaranse de xeito que produzan o menor impacto posible no patrimonio e se garde a súa máxima integración estética e funcional. Por iso, entre outras cuestións, as lousas rectangulares de pedra que conforman o pavimento serán marcadas no momento da súa retirada para seren colocadas posteriormente na súa mesma posición.
A intervención continúa a súa tramitación administrativa e precisa permisos da Dirección Xeral de Patrimonio e de Augas de Galicia. Cando se obteñan as autorizacións o Concello iniciará o procedemento de licitación dun proxecto especialmente agardado a través do que o goberno continúa dando cumprimento ao seu programa de extensión e mellora da rede municipal de saneamento e de rexeneración urbana da localidade.
Manuel González destacou “o esforzo municipal para impulsar unhas obras moi ambiciosas e necesarias que encerran unha importante complexidade técnica".
"Trátase dunha actuación moi reclamada pola cidadanía que suporá unha importante mellora en servizos públicos especialmente importantes e que servirá para evitar vellos problemas de filtracións e anegamentos, aumentando así a calidade de vida da veciñanza", afirmou.