Prohibido o baño na praia da Compostela ante os datos anómalos da análise das augas
Por Redacción
O Concello de Vilagarcía de Arousa decidía este mediodía prohibir o baño na praia da Compostela ao recibir unha comunicación da Consellería de Sanidade na que informaba do resultado da analítica dunha mostra de auga tomada o martes 16 neste areal.
Na analítica compróbase unha concentración microbiolóxica superior aos niveis establecidos pola normativa sanitaria. Desde a tarde deste xoves, segundo fontes municipais, revisáronse as redes de saneamento e de pluviais para comprobar se esta situación se debe a algunha vertedura por avaría ou por unha conexión ilegal á rede. Ao mesmo tempo, instalábanse carteis informativos para advertir á poboación de que o baño queda prohibido ata novo aviso.
O goberno que lidera Alberto Varela mostrou a súa sorpresa fronte os resultados da mostra ao producirse unha evolución positiva durante os últimos tempos da calidade das augas da praia da Compostela. Incluso recibindo sucesivas cualificacións de "excelente".
Para dispoñer canto antes de datos que contrasten estes resultados, o Concello de Vilagarcía contactou cun laboratorio certificado independente para que realice unha analítica no menor tempo posible.
A empresa contratada ten a intención de tomar a mostra este mesmo venres, aínda que os resultados non se esperan ata o luns ao coincidir coa fin de semana. En todo caso, o goberno local solicitará que se axilicen os prazos para que, no caso de que haxa algún erro, poida reabrirse a zona ao baño se non volven rexistrarse eses resultados que o Concello considera "anómalos".
A seguinte mostra por parte da Consellería de Sanidade tomarase a próxima semana e os resultados tardarán dous días máis en chegar ao Concello de Vilagarcía.
Relacionadas:
-
A metade das bandeiras azuis en Galicia ondearán en praias de Pontevedra
Por Alejandro Espiño | Creada e actualizada