Cultura publica as axudas para a posta en valor do rural
Por Oskar Viéitez
A Consellería de Cultura notificou aos 32 concellos que o solicitaron que son beneficiarios das axudas por un total de 725.158 euros para a posta en valor da riqueza histórica e paisaxística do rural na provincia de Pontevedra.
No caso concreto da comarca de Pontevedra, estas axudas permitirán acondicionar o entorno da carballeira de San Xusto en Cerdedo-Cotobade con 30.000 euros; acondicionamento da zona de protección de petroglifos en Campo Lameiro, con 13.711 euros; pavimentación do Camiño de Santiago en Santa Marta, Bértola, no concello de Vilaboa, con 30.000 euros; substitución da cuberta do lavodoiro, acondicionamento de fonte e da súa contorna na Roza, San Xián, en Marín, con 19.339 euros; mellora e embelecemento do entorno dos pazos existentes na Pedreira, na Lama, con 30.000 euros e mellora das infraestruturas turísticas na ruta dos muíños da Freixa e Samieira en Poio, con 11.795 euros.
No caso concreto do Salnés, estas axudas permitirán mellorar a accesibilidade e protección das dunas das praias de Sanxenxo, con 23.583 euros; mellorar a sinalización física e electrónica dos recursos turísticos do concello de Vilanova con 23.582 euros; acondicionar o aparcamento da área recreativa de Cabanelas en Ribadumia, con 30.000 euros e finalmente, substituír a sinalización turística da Variante Espiritual do Camiño Portugués en Cambados, con 22.750 euros.
Retómase así a liña de subvencións convocada en novembro pola Xunta de Galicia, e que tivo que ser paralizada pola crise sanitaria da covid-19, a través dunha nova fórmula administrativa cos concellos que a solicitaron que pasarán a xestionarse a través de convenios para axilizar a tramitación, pactando os obxectivos das achegas para adaptalos a cada caso particular, garantindo así a súa execución.