Un home enfróntase a catro anos de cárcere por vender droga desde o interior do seu coche
Por Redacción
A Fiscalía de Pontevedra pide catro anos de prisión e o pago dunha multa de 300 euros para un home que no ano 2018 foi detido tras supostamente vender cocaína desde o interior do seu coche na rúa Mestre Soutullo de Pontevedra.
O home, P.B.M., será xulgado o vindeiro martes 23 de xuño na sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra como autor dun delito contra a saúde pública por venda de substancias que causan grave dano á saúde.
Segundo sostén a Fiscalía, o home, que xa fora condenado por feitos que non afectan a esta causa á hora de cualificar a súa reincidencia, vendeu droga a medianoite do 28 de abril de 2018 desde o interior do seu coche.
A cambio de 40 euros, entregou a un comprador 0,495 gramos de cocaína e 4,628 gramos de resina de cannabis. A cocaína, que tiña unha pureza do 90,28%, estaba valorada en 60,05 euros e o cannabis, en 26,38 euros.
Cando foi detido, levaba encima 9,928 gramos de resina de cannabis valorados en 56,59 euros e 0,669 gramos de cocaína valorados en 82,68 euros, así como 105 euros. A droga tíñaa na súa poder, segundo a Fiscalía, para a venda e o diñeiro procedía así mesmo de vender substancias.