O Concello de Moraña reúne ás 18 comisións de festas do municipio
Por Redacción
O Concello de Moraña vai ofrecer a súa "total colaboración" ás comisións organizadoras de festas no municipio que manteñan estas celebracións durante o presente verán co obxectivo de garantir a seguridade dende o punto de vista sanitario e non haxa ningún risco de transmisión do coronavirus.
A alcaldesa, Luisa Piñeiro, acompañada polos edís José Cela, Norma Caldas e María José García, seguíu coa súa rolda de contactos con todos os sectores e colectivos no marco da actual crise sanitaria a través dunha xuntanza cos representantes de 18 comisións de festas de Moraña. Na mesma, algúns destes organizadores xa lle confirmaron ao goberno local que ían suspender as súas celebracións ata 2021, pero outros pretenden celebralas cun formato seguro para ir recuperando certa actividade social e neste aspecto recibiron o apoio e colaboración do Concello.
"Foi un encontro que servíu para analizar a situación actual individual de cada festa" porque xa estamos fóra do estado de alarma e dende o vindeiro 1 de xullo pódense celebrar festas populares, aínda que con moitas medidas de seguridade, e por iso queríamos analizar o panorama xeral deste asunto no noso concello para actuar coa máxima das previsións", apuntou a rexedora, que expuso as recomendacións municipais e anuncioulles que se lles trasladará un completo protocolo informativo tan pronto como saia publicado por parte da Xunta nos próximos días.
"Imos telos perfectamente informados e ademais, do mesmo xeito que dende o Concello imos promover o Carneiro ao Espeto dun modo seguro, tamén queremos o mesmo para as demais festas que sigan adiante, polo que van contar coa colaboración que precisen para as actividades nas súas parroquias", detallou a alcaldesa.
Piñeiro amosou o seu "absoluto apoio, respecto e comprensión" tanto polos que decidiron suspender as festas como polos que queren sacalas adiante "aínda que sexa de forma moi distinta amoldándose á nova realidade".