Roubos no rural, o botellón e os after, principais queixas veciñais ante a Policía
Por Redacción
Os problemas de seguridade que máis preocupan ás asociacións de veciños integradas na Federación Teucro están vinculados cos roubos no rural, os efectos derivados do botellón nocturno dos fins de semana e o funcionamento de diversos establecementos afterhours.
Os directivos de Teucro trasladaron as súas queixas ao xefe da Brigada Provincial de Seguridade Cidadá da Policía Nacional, Evaristo Pérez, e a responsable de Participación Cidadá da Comisaría, Ruth Martín, e detalláronlle que os 'after' orixinan problemas que habería que atallar e que os mozos que cada fin de semana regresan ao centro tras participar no botellón no parque Rosalía de Castro, ao lado do recinto feiral, causan danos no mobiliario urbano.
Os veciños engadiron a súa preocupación polo roubo en casas das parroquias, pois na Federación Teucro están integradas sete asociacións, moitas delas de zonas do rural. O seu presidente e asistente á reunión é Miguel Vilacoba quen, á súa vez, pertence ás directivas da asociación de veciños e a comunidade de montes de San Bieito de Lérez.
A reunión celebrouse o 8 de agosto na Comisaría e pecha unha rede de encontros que se celebaron nas últimas semanas entre a Policía Nacional e representantes das outras dúas federacións veciñais de Pontevedra, Boa Vila e Castelao.
Os obxectivos principais do encontro eran crear unha canle fluída de comunicación entre veciños e Forzas de Seguridade, estimular a colaboración cidadá fundamental para os plans operativos que se desenvolven en Pontevedra, e coñecer de primeira man os problemas en materia de seguridade da asociación veciñal.