O Concello reunirase coa Banda de Música de Salcedo en plena polémica pola nova Casa de Cultura
Por Redacción
Os concelleiros do Rural e Cultura de Pontevedra, Demetrio Gómez e Anxos Riveiro, reuniranse o vindeiro martes 20 de agosto cos membros da Banda de Música de Salcedo (BMS) que mostraron, xunto a outros colectivos, a súa insatisfacción co proxecto de Casa de Cultura que o Concello promove nesta parroquia.
O proxecto conta co respaldo do Consello Parroquial, pero a decisión non foi unánime e derivou na creación dunha Plataforma Cidadá Por unha Casa de Cultura Digna que está sendo moi activa nos seus actos reivindicativos.
A reunión producirase no medio da polémica e os representantes municipais anunciaron que mostrarán o seu apoio á Banda de Música no sentido de reclamar á Xunta de Galicia a construción na parroquia dunha Escola de Música. Insisten dende o Concello que "é este organismo o que ten as competencias en materia de formación musical", de modo que dende a Administracción local non se pode actuar por esta vía.
O Goberno municipal sinala que "entende e apoia construción dun centro docente que sirva como espazo de formación" para os músicos de base de agrupacións culturais "tan importantes na música popular galega" como as bandas de música esianla que esta Escola de Música "é unha das principais demandas da BMS".
En relación coa futura casa cultural, sinalan que o Concello quere completar a rede que se extende por todo o territorio municipal, para que Salcedo conte co seu propio espazo, deseñado para desenvolver a vida cultural de base. En contra do que aseguran dende a plataforma cidadá recén creada sobre a división existente na parroquia, dende o Gobern local insisten en que o proxecto ten un "completo acordo" do Consello Parroquial, no que aseguran que "están representados todos os colectivos veciñais, culturais e deportivos da parroquia".
Tanto Riveiro como Gómez expresarán aos representantes da Banda de Música o seu "apoio total á actividade musical" da agrupación e din que é "todo un exemplo de cultura de base e un dos mellores expoñentes da vitalidade cultural do municipio".
ACLARACION VECIÿAL
Con respecto a esta xuntanza, a Plataforma Cidadá por unha Casa de Cultura Digna para Salcedo precisa que foi concertada e promovida pola propia asociación a través dunha solicitude entregada o pasado 6 de agosto no rexistro do Concello. Esta reunión ven a completar, aseguran, a rolda de entrevistas iniciadas pola Plataforma e "busca mellorar o actual proxecto de Casa de Cultura para Salcedo a cal, consideramos, non cubre as necesidades reais e actuais de todas as asociacións da parroquia e da que, cremos, o Concello debe ter a última palabra".
A esta reunión, ao igual que en todas as actividades programadas, asistirán representantes en calidade de membros da Plataforma e non da Banda de Música de Salcedo, "xa que os intereses individuais dese colectivo pertencen á Asociación Músico-Cultural San Martiño".
Relacionadas:
-
O Concello e a Plataforma Cidadá de Salcedo liman asperezas, pero non chegan a acordo total
Por Natalia Puga |
-
Salcedo aficiónase aos flashmob para reivindicar unha "casa de cultura digna"
Por Redacción |
-
Reclaman máis medios para a Casa de Cultura de Salcedo e o Concello responde "se queren un Conservatorio que falen coa Xunta"
Por Oskar Viéitez |