Reclaman máis medios para a Casa de Cultura de Salcedo e o Concello responde "se queren un Conservatorio que falen coa Xunta"
Por Oskar Viéitez
Rexeitan ser considerados coma "un grupo de presión", un lobby, mellor prefiren que se lles vexa coma "unha conciencia crítica". Trátase da Plataforma Cidadá "Por unha casa de cultura digna para Salcedo", composta por un grupo de persoas, un centenar, cun obxectivo común que é "paralizar e mellorar o proxecto de Casa de Cultura aprobado para Salcedo" por non cubrir as necesidades de todos os colectivos da parroquia.
Segundo trasladou este luns en rolda de prensa o voceiro deste colectivo, Francisco Javier Lavía, "esta plataforma compoñémola cidadáns defensores da cultura que se leva desempeñando na Parroquia de Salcedo dende hai moito tempo e, especialmente, nos últimos 25 anos. Por iso somos unha plataforma aberta a todo o mundo e que non está vinculada a ningún partido político. Somos, polo tanto, totalmente independentes". Iso sí, buscarán o apoio de todos os partidos políticos na súa causa.
Critican a falta de unanimidade a hora de apoiar un recorte o proxecto de casa da cultura nun Consello Parroquial representado por voceiros de diferentes colectivos da parroquia "independentemente da súa actividade, antigüidade e tamaño" e que "non se tivesen en conta as necesidades de espazo, acústica e comodidade dun dos colectivos culturais máis importantes, a nivel educativo e artístico, da parroquia".
A Plataforma reivindica "a mellora dun proxecto que non cobre as necesidades culturais da parroquia"
Para esta Plataforma un proxecto aceptable pasaría por "un mínimo de 250 localidades" así coma un escenario que permita acoller concertos da banda de música.
Esta Plataforma anuncia que "levaremos a cabo todas as accións que estean nas nosas mans, como divulgar a información a todos os veciños, informando do ataque á cultura que este proxecto leva consigo, buscar o apoio de todas as persoas físicas, xurídicas e públicas que queiran colaborar connosco na paralización e mellora deste proxecto, promover a recollida de firmas solicitando a mellora dun proxecto que non cobre as necesidades culturais da parroquia, organizar accións reivindicativas como protestas, pancartas,e calquera outra acción que axude a cumprir os nosos obxectivos".
Desde o goberno capitalino, a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, recordan que "sempre mantivemos un trato cordial e normalizado coa Banda de Música de Salcedo, tanto no tema do convenio anual coma nos espazos públicos que se lles ceden".
Anxos Riveiro: "Lles indicamos que recurran á Xunta de Galicia para ver as posibilidades de financiamento"
A concelleira sinalou que "se está a facer un gran esfuerzo para que todos os barrios e parroquias teñan un local social e cultural que sirva para actividades dos veciños" nese sentido Anxos Riveiro dixo que "compartimos que a Banda de Música de Salcedo necesita un espazo máis digno para as súas actividades, porque o de agora lles resulta pequeno". Pero advirte que "a pretensión desta Plataforma de facer un conservatorio en Salcedo escapa claramente das nosas competencias", dixo.
"Lles indicamos que recurran á Xunta de Galicia para ver as posibilidades de financiamento xa que son os que poden facer este tipo de infraestructuras", indicou a concelleira para engadir que "o consello parrroquial votou a favor deste proxecto de local pero a BMS ten unhas necesidades moi específicas".
Anxos Riveiro rematou sinalando que "non ten sentido intentar dividir á parroquia nun momento no que xa hai un acordo"
Relacionadas:
-
O Concello reunirase coa Banda de Música de Salcedo en plena polémica pola nova Casa de Cultura
Por Redacción |
-
O PP súmase á demanda dunha "casa de cultura digna " para Salcedo
Por Redacción |
-
O Consello parroquial de Salcedo apoia o proxecto da nova Casa de Cultura co rexeitamento da Banda de Música
Por Redacción |