Comisións Obreiras inicia unha campaña contra a represión sindical e a precariedade laboral da Deputación
Por Manu Otero
O conflito laboral entre a Deputación de Pontevedra e o sindicato Comisións Obreiras orixinado polo funcionamento do parque de maquinaria da institución segue coleando. Dirixentes da sección local do sindicato compareceron este luns para anunciar o comezo dunha campaña consistente na pegada de carteis e pancartas coas que pretenden denunciar a represión sindical, a desigualdade e a precariedade laboral que afecta os traballadores do ente provincial.
A acción, que será o inicio dunha serie de mobilizacións, consistirá na colocación de cinco pancartas en diferentes lugares da cidade, así como a pegada de 5.000 carteis en distintos puntos da provincia. En todos eles poderá lerse a lenda: "Na Deputación de Silva e Caballero, represión sindical, desigualdade e precariedade".
"A presidenta ten na súa man decidir se nos mobilizamos ou negociamos", emprazou o secretario de organización de CC. OO en Pontevedra, Jose Luís Pedrosa.
A orixe deste conflito está nunha serie de denuncias pola vía penal interpostas por membros do equipo de goberno da Deputación contra o secretario de Comisións Obreiras na Deputación, Pepe Piñeiro. A primeira estivo relacionada cunha serie de pintadas contra o deputado Uxío Benítez relacionadas co conflito do parque de maquinaria, a última e máis recente, por un comunicado de prensa no que o sindicato denunciaba a falta de medidas adoptadas polo goberno de Carmela Silva para previr contagios por coronavirus no centro Príncipe Felipe.
"É un goberno de partidos de esquerdas que teñen prácticas represivas e ditatoriais, pero a nós non nos van a someter. Na Deputación non se negocian dereitos laborais, impóñense as decisións", critica Pedrosa.
Na comparecencia participou tamén Pepe Piñeiro, recentemente chegado dos xulgados de declarar pola última denuncia interposta polo executivo provincial contra o sindicalista. O secretario denunciou que "na Deputación practícase un sindicalismo gobernativo para afear a imaxe dos delegados que os presentan".
Para xustificar as dificultades de chegar a acordos, Piñeiro enumerou unha longa lista de defectos nas relacións laborais que non conseguen corrixir polo mal entendemento entre o sindicato maioritario e o goberno. " Non se conseguiu nada con este goberno", lamenta o secretario en referencia ás diferenzas retributivas entre traballadores que, segundo el, cobran ao mes entre 300 e 1.000 euros menos do que lle correspondería. Censura tamén que os interinos cobren menos que os funcionarios, que non se implante a carreira profesional, que non se favoreza o teletraballo e que haxa operarios que realicen traballos de categoría superior e cobren por un de categoría inferior.
No ámbito da igualdade, unha das bandeiras da era de Carmela Silva á fronte da Deputación, Comisións Obreiras denuncia que tampouco se está facendo todo o traballo necesario. Para demostralo, a delegada Ángela Comesaña sacou datos das listas de contratación nas que a presenza de mulleres é maioritaria, pero case todas teñen contratos precarios e temporais. "Os bolseiros son o 35 % do persoal e deles o 65 % son mulleres", ilustrou a sindicalista en base a datos do ano 2017.
A problemática do elevado número de contratos en prácticas e bolsas xa foi levado á inspección de traballo por Comisións Obreiras logrando unha sentenza favorable nos xulgados. Agora defenderán tamén a súa postura co plan de estabilidade para evitar que os traballadores sigan renovando os seus contratos ano a ano.
Relacionadas:
-
A Deputación esixe ao PP que pida perdón tras a sentenza que ratifica a relación laboral de 38 bolseiros coa administración provincial
Por Oskar Viéitez |
-
Esixen a Font que se desculpe co representante de CC.OO. na Deputación ou que "faga públicos os listados dos que fala"
Por Oskar Viéitez |
-
O goberno da Deputación ameaza con sacar os trapos sucios do secretario comarcal de CC.OO. tras montar unha nova protesta
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
CC.OO. acusa á Deputación de "discriminar" a parte do persoal ao incumprir coa estabilización de emprego temporal
Por Redacción |
-
Un xulgado de Pontevedra converte a 38 ex bolseiros da Deputación en persoal laboral
Por Alejandro Espiño |
-
Comisións Obreiras pide a Carmela Silva que "deixe de enredar" coa transferencia do Centro Príncipe Felipe
Por Oskar Viéitez |
-
Comisións Obreiras acusa á Deputación de converter o Parque de Maquinaria nun "depósito de chatarra"
Por Oskar Viéitez |